Comeza a “era Rueda” na Xunta de Galicia

Xuramentado o novo goberno galego, destacando a continuidade da 'etapa Feijóo'

Santiago de Compostela | O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xuramentou este 16 de maio ao novo goberno na Xunta de Galicia, tras asinar un día antes o decreto polo que se establece a estrutura dos órganos de Goberno da Xunta e que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia.

O novo Goberno galego manterá a estrutura de dúas vicepresidencias – a Vicepresidencia primeira será agora a económica – e nove consellerías, pero incorpora algunhas modificacións na configuración dos departamentos. Continuarán, ademais, os titulares de todas as consellerías, coa incorporación na Vicepresidencia segunda de Diego Calvo. No acto de xuramentación no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela, Rueda destacou que conta cun equipo “máis experimentado” para afrontar os retos desta nova etapa á fronte da Xunta de Galicia.

Así, a estrutura da nova Xunta estará conformada do seguinte modo e coa seguinte orde de prelación:

– Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación: Francisco Conde López

– Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes: Diego Calvo Pouso

– Consellería de Facenda e Administración Pública: Miguel Corgos López-Prado

– Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda: Ángeles Vázquez Mejuto

– Consellería de Infraestruturas e Mobilidade: Ethel Vázquez Mourelle

– Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: Román Rodríguez González

– Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade: María Jesús Lorenzana Somoza

– Consellería de Sanidade: Julio García Comesaña

– Consellería de Política Social e Xuventude: Fabiola García Martínez

– Consellería do Medio Rural: José González Vázquez

– Consellería do Mar: Rosa Quintana Carballo

Entre outras novidades, Turismo pasa a depender da Presidencia da Xunta, como mostra da prioridade que se lle dá a esta área para esta década Xacobea. En materia económica, a Vicepresidencia primeira será a encargada de coordinar toda a acción do Goberno neste eido, así como a política industrial. Ademais, no novo organigrama evidénciase a aposta pola xuventude e a formación profesional incluíndo as súas denominacións no nome das súas respectivas consellerías.

O presidente da Xunta asina o decreto de formación do Goberno

Cómpre recordar que, en tanto non se proceda ao desenvolvemento da estrutura deste decreto, os órganos superiores e de dirección existentes manterán a súa estrutura e funcións.