Comedor escolar no CEIP Xosé Fernández López para o curso 2023/24

O Concello do Porriño iniciará as obras de acondicionamento

O Porriño | O CEIP Xosé Fernández López ofrecerá no vindeiro curso 23/24 o servizo de comedor escolar. Así o anunciaron hoxe o alcalde, Alejandro Lorenzo, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que adiantaron que xa se dispón de financiación para a construción e posta en marcha do mesmo.

Trátase dunha das principais demandas deste céntrico centro educativo que ata o de agora non contaba con este e outros recursos de conciliación, e no próximo curso ofertará aos pais e nais o servizo de Aula Madruga e o de comedor escolar.

Aproveitando o periodo non lectivo de semana santa, o Concello do Porriño iniciará as obras de acondicionamento da zona onde se ubicará o futuro comedor, retirando dous depósitos de combustible que se instalarán nunha zona máis segura do recinto.

Procederase tamén dende o Concello á substitución do valado perimetral na zona traseira do recinto, xa que o actual se atopa en moi mal estado e supón un risco para o alumnado. As obras de acondicionamento inclúen tamén a reparación da cuberta do pavillón deportivo, que presenta problemas de illamento e xa está proxectada tamén a creación dunha zona verde de xogo infantil.

Cabe destacar, que neste curso leváronse a cabo dende o Concello do Porriño varias melloras no Xosé Fernández López como a instalación dunha pista multideportiva, acondicionamento do patio cuberto ou a mellora dos vestiarios do ximnasio. Tamén se executou dende a administración autonómica a renovación das luminarias do centro. “O Xosé Fernández López vén reivindicando dende hai anos, con moita razón, a necesidade de contar con este servizo, que tería unha gran demanda e facilitaría notablemente a conciliación ás familias do centro urbano”, explicou o alcalde.

“Por fin será unha realidade grazas ao traballo conxunto da comunidade educativa do centro, dirección, claustro e ANPA que sempre nos tenderon a man para traballar polo colexio, a Xunta de Galicia á que agradezo a disposición mostrada dende o principio, e ao Concello, concretamente á concelleira de Educación, Carolina González que sempre defendeu que isto era unha prioridade. Cando todos remamos xuntos cara un obxectivo, o conseguimos”.