Cociña e música na Mostra de Produtos de Covelo

Este sábado 5 de agosto na praza Mestre Cerviño

O Covelo | Cosmética natural, xoiaría, maquetería, textil, moda, cestaría, panadaría, horta eco, caracois de terra, cerámica polimérica, artesanía, madeira, tambores chamánicos, queixos, caracois de mar, xoias con cortiza e aceiro, tattoos de henna, prata, prantas e moito máis por descubrir para as persoas que se acheguen este sábado á Mostra de Produtos de Covelo.

Como cada primeiro sábado de mes de 10 a 14 horas a praza Mestre Cerviño ateigarase de produtos de proximidade, artesanía e segunda man.

O posto de polbo non faltará e tampouco as actuacións e os obradoiros. A partir das 11:30 horas haberá cociña en directo na que aprenderemos a realizar dúas receitas. A continuación, todas as persoas presentes poderán degustar estas saborosas viandas para logo gozar da sesión vermú que virá acompañada de música tamén en directo a partir das 12:30 horas.

A Mostra de Produtos de Covelo supón un punto de encontro entre produtores e veciñanza que ademais de facer as súas compras atopan un espazo de socialización de ambiente distendido e festivo.