Club Tenis Ponteareas abre inscricións para o XI Open Tenis Vila do Corpus

O torneo disputarase do 24 de xuño ao 4 de xullo

Ponteareas | O próximo 24 xuño dará comezo o XI Open Tenis Vila do Corpus organizado polo Club Tenis Ponteareas nas pistas da Freixa. O torneo disputarase durante unha semana e media ata o 4 de xullo e xa é posible inscribirse para participar.

Do mesmo xeito que no resto de edicións, o torneo componse das categorías Infantil, Cadete, Absoluto Masculino e Feminino, e Veteranos +35 e +45 Masculino. Ademais, este ano súmanse dúas novas categorías: Benjamín e Alevín, para menores de entre oito e once anos.

Os campións e subcampións de cada categoría recibirán os trofeos correspondentes, ao que se lle sumará un premio en metálico de 2.000€ a repartir entre os gañadores das categorías Absoluto Masculino e Feminino.

Os que queiran competir no torneo deberán realizar a inscrición a través da plataforma de Ibertenis —www.ibertenis.com—, con prazo ata o 20 de xuño.