Clausurado o Obradoiro de Emprego SOMOSMOS

Con 20 alumnos/as traballadores/as e subvencionado pola Xunta

Mos | A Xefa Territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e demais membros do goberno local (entre eles a concelleira de emprego, Julia Loureiro) e a deputada autonómica, Feli Rodríguez, clausuraron esta mañá Obradoiro de Emprego SOMOSMOS no Muíño do Pazo (Tameiga).

O obradoiro contou tamén coa presencia dos 20 usuarios participantes, que recolleron os seus diplomas, con veciños e veciñas da zona, e amenización musical a cargo do Grupo de Gaitas Nosa Terra de Pereiras.

As especialidades coas que contou este Obradoiro foron albanelería e atención sociosanitaria. Os alumnos/as traballadores/as de albanelería melloraron o Paseo do Louro, muíños municipais (entre eles o muíño do Pazo), crearon unha nova aula na Axencia de Colocación e reformaron os despachos do departamento de Política Social no Multiusos das Pozas.

Por outra banda, os alumnos/as-traballadores/as de atención sociosanitaria enfocáronse a poder cubrir con persoal cualificado a alta demanda de postos de emprego neste sector. E realizaron actividades con diferentes colectivos, entre eles o alumnado do CEIP Atín-Cela, Afaga e Cogami.

A duración total do Obradoiro foi de 9 meses e para o seu Desenvolvemento o Concello contou con subvención da Xunta de Galicia de 346.946 €.

Ademais a Xunta concedeu a Mos outra subvención para axudas ás empresas interesadas en contratar a alumnos/as-traballadores/as do Obradoiro. O importe total das axudas ascende a 30.000 € repartidos en 20 contratos laboráis.

O importe da subvención para cada empresa colaboradora é de 1.500 € por contrato de traballo. A contratación será temporal cunha duración mínima de 3 meses.

Grazas a esta iniciativa, 2 persoas da rama sociosanitaria xa están traballando en EVD Galicia, e atópanse en proceso de contratación en Cogami outras 2 persoas da rama sociosanitaria e 3 da de albanelería en empresas do sector da construción.