Charlot Bennet, a primeira “Drag Queen do Porriño Orgulloso”

Dentro do espectáculo de Drag Star, “Soy lo que soy”

O Porriño | O Porriño celebrou este 28 de xuño o día do Porriño Orgulloso co seu primeiro certame de Drag Queen e o espectáculo de Drag Star, “Soy lo que soy”.
Nunha praza ateigada a porriñesa Charlot Bennet coronouse como Drag Queen do Porriño Orgulloso 2023 coa súa fantasía “Yea queso”, cunha alegoría no seu vestiario a un traxe de boda. Detrás de Charlot está Adrián Rodríguez que se impuxo pola súa presencia sobre o escenario, a súa valentía e a forza que transmitía o seu show.

O segundo premio foi para Electra-Tra (Samuel Fernández) coa súa fantasía “Y punch” e o terceiro para Ketty Pinn (Aitor Martínez) con “Prepárese que llegó la reina”. Os recoñecementos están dotado cun premio económico de 500 euros para a gañadora e 300 e 200 euros para a segunda e terceira clasificada.

En total foron seis as propostas que pisaron o escenario, con Kim Miller (Santiago Fernández), Marlen (Oliver Soto) e Conchita y sus almejas (Fátima Armada) completando a lista de participantes. Unha vez rematado o certame deu comezo o espectáculo de Drag Star, “Soy lo que soy”. Unha vez máis, o porriñés David Bugarín puxo en pé a praza co show.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo lanzar unha mensaxe de respecto e liberdade no día do Orgullo LGTBI+, “vivamos e amemos en liberdade e nunca, nunca, renunciemos a ser quen somos. Oxalá pronto non teñamos que seguir reivindicando algo tan esencial como o respecto”.