Certame de corais “Vila de Arbo” repartirá 2.000€ en premios

Previsto a realizarse o 6 de maio de 2023

Arbo | O Concello de Arbo organiza coa colaboración da Coral Polifonica de Arbo, despois de dous anos de parón por mor da COVID-19, o “VIII Certame de corais Vila de Arbo” que terá lugar o 6 de maio de 2023, ás 18.30 horas, no Auditorio Segundo Gil Davila co fin de apoiar a cultura musical, polifónica e coral, así como mostrar os recursos culturais, gastronómicos e patrimoniais do municipio arbense.

Nel poderán participar todas as agrupacións corais que sexan de Galicia e que non sexan profesionais nin pertenzan a ningunha escola profesional ou semiprofesional de música, sen ningún tipo de acompañamento musical (soamente a capela).

No certame participarán un máximo de seis agrupacións corais. O prazo de inscrición finalizará o 3 de marzo ás 15:00 horas. Para inscribirse as agrupacións interesadas enviarán a instancia en modelo que figuran nas bases do concurso solicitando a súa inclusión no certame e un curriculum vitae que inclúa a súa actividade polo menos dos últimos tres anos, unha declaración xurada conforme non pertencen a ningunha escola ou convervatorio profesional de música e unha gravación propia realizada nos últimos dous anos que inclúa polo menos tres pezas do seu repertorio.

As corais participantes serán seleccionadas polo Comité de Organización do VIII Certame Galego de Corais Vila de Arbo.

A obra obrigatoria nesta edición do concurso e a seguinte; “BAMBOLIÑA (a rapaza que no paraba quieta)” en memoria de Antonio Paz Valverde, unha gran insignia artística que puxo selo á cultura e a música coralista.

A coral gañadora do certame recibirá 900 euros, a segunda clasificada obterá 400 euros, a que ocupe o terceiro posto levará 200 euros e, ademais, entregarase o premio FEGOCA, de 500 euros, á mellor interpretación da obra obrigatoria do certame. Todas, incluídas as non premiadas, recibirán ademais diplomas acreditativos.

Más información en la Web da festa da lamprea www.festadalamprea.gal e Persoa de contacto Cecilia García González. Teléfono: 986 66 57 78 e E-mail: museoarabo@concellodearbo.gal.