Fronte ao taboleiro político das eleccións xerais, a cidadanía galega de sensibilidade moderada, esa inmensa masa social que traballa arreo , non demasiado ideoloxizada, que non anda en dogmatismos de trincheira e que partilla dun galeguismo cotián, tranquilo e útil, enfróntase a unha encrucillada. Os programas electorais do Partido Popular e de Vox amosan unha deriva na que a dereita tradicional, acomplexada e subalterna, asume sem dúbida ningunha os marcos ideolóxicos extremistas de Vox. A alianza de goberno que xa paira, entre ambas as dúas formacións, non promete estabilidade, senón un retroceso moi substancial en politicas de igualdade e dereitos civís, unha retallada brutal na calidade e financiamento da sanidade, educación e atención á dependencia, unha recentralización moi lesiva para os intereses sociais e económicos galegos e unha grave redución nos estándares de calidade de vida e prosperidade xeral das clases medias e traballadoras.
Velaí que nin PP nin Vox sexan unha opción válida para estes sectores da cidadanía galega. Estes amplos sectores moderados non haberían confiar nese bloque da dereita extremizada e da extrema dereita, pois as súas propostas ignoran o noso autogoberno e esganan o benestar. O acaído financiamento e a garantía efectiva dos servizos públicos sanitário, educativo e da dependencia requiren dunha defensa que nin o PP nin a extrema dereita ofrecen, senón que anuncian políticas totalmente contrarias. Para máis, as súas receitas rebaixan a capacidade fiscal dos poderes públicos para soster o común mentres afondan na asimetria territorial e na desatención das singularidades galegas, com resultas moi prexudiciais para o País. Votalos é permitir que se poidan desenvolver políticas semellantes ás xa desenvolvidas ou en desenvolvimento de Milei, Bolsonaro, Trump ou Viktor Orbán.
“Velaí que nin PP nin Vox sexan unha opción válida para estes sectores da cidadanía galega (…) As opcións estatais á esquerda do PSOE tampouco semellan a escolla axeitada, tanto pola súa falla de unión”
As opcións estatais á esquerda do PSOE tampouco semellan a escolla axeitada, tanto pola súa falla de unión e, xa que logo, utilidade nesta andaina (segundo as enquisas todas están lonxe de poder quitar escano por calquera das catro circunscricións galegas) como pola falla dun proxecto galego proprio e a supeditación dos intereses do país ás razóns de Estado. Tampouco axuda a transmisión decote de mensaxes bastante afastadas das angueiras cotiàns e da cosmovisión de ducias de milleiros de Galego/as.
O PSOE pode amosar, pola contra, certa utilidade teórica e atraerá sen dúbida, parte do voto moderado que teme ás políticas reaccionarias a desenvolver pola xa operante (na elección ao Senado por Pontevedra) coalición electoral PP-Vox, que xa non agochan que serán coalición de goberno se lles dan as contas. Mais resposta a unha lóxica estatalista que lle fixo historicamente partillar co PP modelo de Estado e políticas de bipartidismo dinástico moitas veces na súa historia. Por outra banda, recoñecendo as moi grandes dúbidas da dirección dalgunhas pescudas xudiciais que atinxiron ao irmàn e á dona do presidente do goberno do Estado, tamen é lóxica certa retracción ou prevención doutros sectores por votar PSOE, o que poderia incrementar unha abstención que só beneficiaría á eventual coalición da dereita e da extrema dereita.
Sen dubida, o soberanismo galego do BNG precisa continuar co seu proceso de alongamento das súas bases sociais e optimizar respostas convenientes e sectorializadas para os centos de milleiros que definen a centralidade e a transversalidade sociais. Porén, cara ao 29-N canto menos podemos afirmar: i) non habera outra opción galega nas urnas, ii) teñen perspectivas reais de mellorar o número de escanos em todas e cada unha das catro circunscricións, iii) farán posíbel en calquera caso a presenza e atenciòn aos intereses galegos, iv) decidirán seguro se non lle dan as contas ao PP e a Vox e v) defenderán os servizos públicos e os intereses das maiorias sociais na sanidade, educación, dependencia e vivenda sen titorízacion madrileña.
Eses amplos sectores sociais chamados moderados, quizais de definicións e visións sociais que outros sectores máis ideoloxizados poden considerar mornas, poden-e mesmo deberían- atopar no nacionalismo democrático galego o seu voto útil. En clave galeguista, en clave persoal e, tamén, en clave de progreso.





