‘Castelao e os vascos’ de Iñaki Anasagasti.

O libro fala brevemente da vida de Castelao, das conferencias que deu e das xuntanzas que mantivo, recollendo textos relativos ás súas relacións cos dirixentes nacionalistas vascos e aportando numerosas fotografías.

Nas súas páxinas -non me lembro quen- alguén comenta que Castelao era moi bo e tolerante e a súa figura é tratada con respecto e simpatía por Anasagasti en todo o libro. E, entre algo de palla, encontrei estas frases de Castelao, que resalto: “Nunha España inimiga de Galicia, negadora dos seus dereitos, mutiladora da súa personalidade, nunha España ditatorial, nunha España inimiga da liberdade, nesa España eu si son e serei separatista”. E esta tamén impactante: “Todo poderá ocorrer, todo, menos que eu traizoe a razón da miña vida e a confianza que os meus irmáns depositaron en min”.

Castelao era un bo amigo de Agirre, o primeiro lendakari vasco, e admirábao tanto a el como ao pobo vasco por seren capaces de rachar coa escuridade imposta e de faceren públicas as súas posicións. Fálase tamén do pacto de Galeusca, entre nacionalistas galegos, vascos e cataláns, que tiña unha aspiración confederal (plurinacional) co resto do Estado.

“Castelao era un bo amigo de Agirre, o primeiro lendakari vasco, e admirábao tanto a el como ao pobo vasco”

Portada do libro de Iñaki Anasagasti sobre Castelao.

Porén como dicía Otegi, España non parece querer confederarse coas nacións periféricas (entre as que tamén debemos citar, por exemplo, a Canarias). Castelao manifesta nun discurso en Montevideo a súa solidariedade con Gernika, a cidade-símbolo da nación vasca, masacrada polos fascistas. Baixo o carballo de Gernika, o lendakari AGIRRE xurara fidelidade ao pobo vasco.  Tamén engado un comentario de Castelao no que vén a dicir que até que Galiza sexa libre, nós -cidadáns galega/os- non seremos libres.

O libro tamén fala do presidente- mártir catalán Compayns, de Bóveda, de Tarradellas,… Tamén fala do apoio do PNV ao noso estatuto de autonomía e das homenaxes vascas póstumas a Castelao.

E engado un comentario de Castelao no que  dicía -recollido no libro Montse Fajardo- que el non tiña vocación de anxo. Porén, aínda que con críticas e sen facer grandes concesións, toleraba a quen na dialéctica marxista-leninista se define con frecuencia como “inimigos do pobo”.  Porén até a/o máis ignorante sabe cando é tratado con xustiza e benevolencia e cando non…

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.