“Cartografía da Raia” amosa en Tui a evolución histórica da fronteira no Miño

A exposición estará ata o 10 de febreiro no edificio Francisco Sánchez

Tui | O Centro Xeográfico do Exército de Terra e a Subdelegación de Defensa en Pontevedra, en colaboración co Concello de Tui, organizan a exposición “Cartografía da Raia”, que mostra a evolución histórica dos traballos para o establecemento da fronteira con Portugal, prestando atención preferente á zona fronteiriza ao longo do Río Miño.

A exposición temporal presenta a cartografía histórica de Galicia e a provincia de Pontevedra, con especial atención na zona obxecto da exposición: a fronteira lusoespañola, incluíndo, entre outros, mapas costeiros e de zonas fluviais en Baiona, Tui ou Salvaterra de Miño.

A mostra recolle láminas ilustrativas sobre do Tratado de Límites e o seu desenvolvemento histórico ata a actualidade, así como os métodos e instrumentos empregados ao longo da historia para a representación xeométrica da Raia e outras fronteiras internacionais.

A exposición poderase visitar de forma libre e gratuíta no edificio Francisco Sánchez de Tui ata o 10 de febreiro (de 9 a 14 h e de 16 a 21 h, de luns a venres; de 9 a 13 h, os sábados). Na mesma localización, o 31 de xaneiro, ás 19 h, terá lugar a conferencia “Traballos de delimitación na Raia”, con entrada libre ata completar aforo.