Carme Eiró e Fernando Serrullo ingresaron na Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto

Eiró é a fiscala superior de Galicia mentres Serrulla Rech é médico e antropólogo forense

Ourense | Carme Eiró Bouza, fiscala superior de Galicia e especialista en urbanismo e medio ambiente, e Fernando Serrulla Rech, médico e antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, ingresaron na Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto. Xosé González Martínez, presidente da Academia, glosou a traxectoria de Eiró, e o académico Américo Rodrigues fixo o propio con Serrulla.

A Asociación de Amigos do Couto Mixto naceu hai trinta anos co obxectivo de rescatar do esquecemento a memoria dunha realidade histórica singular: unha “república arraiana” que funcionou de feito como un estado independente ata o Tratado de Lindes de 1863.

A Academia de Ciencias Sociais integra especialistas de diversas áreas para aproximar ás institucións públicas este territorio apoiándose na ciencia. Con estas novas incorporacións efectuadas hoxe do Campus de Ourense, impulsará unha demanda ante o plenario da Deputación para que o Couto Mixto sexa declarado oficialmente ante a Xunta de Galicia como “territorio histórico”.

Este proxecto apóiase nas leis de Patrimonio Cultural do 2016 e de Protección da Paisaxe do 2008, aliñándose coas directrices da Unión Europea para converter a memoria desta antiga república nun referente de cohesión social, boa veciñanza e planeamento territorial de vangarda.

As investigacións realizadas por Luís M. García Mañá revelan que o Couto Mixto destaca na historia como unha institución xurídica e política baseada nun modelo de autogoberno democrático onde os cargos eran elixidos por sufraxio comunal. Os habitantes gozaban de privilexios excepcionais para a época, como o libre comercio, a exención do servizo militar e a facultade de elixir a nacionalidade española ou portuguesa, convivindo de xeito singular con monarquías absolutistas veciñas.

Tras a súa desaparición oficial, a súa historia esvaeuse ata converterse case nunha lenda, pero o traballo da asociación (a través de cursos coas universidades de Vigo e Tras-Os-Montes, documentais e monografías) logrou devolverlle o orgullo aos moradores e rigor científico a un pasado que agora busca proxección. O acto incluíu a actuación musical de Alejandro Firvida ao piano e Ruth González á voz.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.