Carballo-Calero investigou a transformación de Ourense entre 1880 e 1936

Presentou un libro que repasa a transformación urbanística e arquitectónica

Ourense | María Victoria Carballo-Calero, presentou o libro “La transformación de una ciudad. Ourense (1880-1936)”, una actualización do traballo que a propia autora, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo publicou a mediados dos noventa do pasado século.

María Victoria Carballo-Calero agradeceu o apoio da Deputación para a publicación dun libro “que sae á luz case que como unha aposta persoal do presidente”, ao tempo que tamén quixo destacar o traballo realizado polo editor, Miguel Anxo Carballo, e as novas imaxes incorporadas coas fotografías de Alberte Paz.

O volume é o resultado dunha investigación “nos eidos do urbanismo, como ciencia da cidade, e da arquitectura”, explicou a autora, “e nos axuda a comprender mellor o que foron e seguen a ser as cidades que herdamos e debemos respectar sen destruílas”, dixo recollendo as palabras de expertos.

Carballo-Calero considera cumprido o obxectivo que se marcou: “Ofrecer unha visión íntegra dunha cidade nun período fundamental para a súa historia como o que vai desde a Restauración ata a Guerra Civil”. Para elo e ao longo de máis de 200 páxinas, a historiadora fai unha primeira aproximación á sociedade, á política e maila cultura do momento, de Ourense e establece unha serie de conclusións que xiran en torno á evolución da cidade, desde o formalismo da etapa de fin século ata as aproximacións ás tendencias modernistas da primeira década do século XX.