Canto máis prometen, máis menten.

Despois de tantos anos e cando xa o pelo se pon branco entre as voltas do mundo, pregúntome como é posible chegar aos tempos que corren, como puidemos chegar de novo aquí, como é posible que volva a repetirse a miseria que aínda ecoa en sangue e terror polas cunetas.

Certamente son novos horizontes e indican que non aprendemos, que nos movemos anque non saibamos moi ben cara a onde. Perseguimos algo que non sabemos moi ben onde está. Nesa cegueira absurda que non se mira no pasado e o peor, non aprende del. Esquece e non quere aprender nas pedras do camiño sempre no mesmo sitio, e novamente tropezamos.

O que a min me preocupa nestas estancias da vida nas que habito, nas que creo entrever a moita xente dubidosa en conxuras difíciles de conxeniar coa perda de fe en dogmas moi vellos que, seica deberan ser asumidos anque non convenzan de todo xa a case ninguén.

E entón, consciente de non saber moi ben por que, fuxo desas estruturas apaisadas que relativizan todo, que vulgarizan e sobre todo interesan a aquela xente que se move en cargos e despachos onde non constrúen ilusión, sequera confianza. Si aínda andamos en dúbidas, debe ser porque andamos moi preocupados por outras moitas cousas, quizais polos xuízos a persoas alleas, entre “corrillos” maldicentes e perversos que constrúen listas negras e poñen ou non a xente que son ou non son da súa confianza, capaces de saber se comulgan, se cren ou non cren, se tragan. Que pobreza! A esta altura da vida, vivido o vivido. Xa está ben! Xa lles vale aos espalladores da infamia e buscadores de méritos no descrédito!

O importante -ímolo deixar aquí- é que hai que mirar ben a mensaxe, carente de dúbidas e onde nos vexamos reflectidos en lingua, cultura, afirmación e dignidade. Sen dubidar, isto é moi importante. Sen persoas aparentes e posturais que non son quen de empregar sequera os nosos sete fonemas vocálicos. Algo sinxelo, que ten que ver coa ética e os afectos, moito máis alá do “postureo” e das frases lapidarias, tan propias da rancia ultra dereita. Debemos recuperar a emoción, a beleza, a liberdade furtada hai séculos, sen dubidar dos nosos principios e sen poñer a cámara nos mesmos rostros que xa acabaron o seu discurso e que, desafortunadamente, nada aportan á afirmación das novas angueiras do noso pobo e nación.

“Debemos recuperar a emoción, a beleza, a liberdade furtada hai séculos, sen dubidar dos nosos principios”

O feito de que a min me doia esa neutralidade, esa indecisión, constata de súpeto un cambio nas loitas que un día foron, constata tamén a nosa vitalidade segue en pé. Comento isto, porque hai moita xente que dubida vendo aquela xente que chegaron ao ámbito institucional e enmudeceron, colleron a forma educada do exceso e calaron pola banda, tanto que pararon a maquinaria, tragaron as mentiras, vulgarizaron as loitas e fixeron perder a perspectiva do importante na discrepancia interna. E aquí me quedo só, cuestionando aqueles dogmas e sabendo, desde a distancia prudente, desde a miña independencia para poder cuestionar todo o que me preocupa, mesmo o propio e sabendo que hai xente que non está no foco e cre, xente que loita día a día desde a convicción e o amor, soñan a nosa propiedade lonxe do discurso que non se está a dar.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.