Campus Multideporte para comezar o verán no Covelo

Do 26 ao 30 de xuño para nenas e nenos de 6 a 12 anos

O Covelo | O Concello de Covelo informa que ata o vindeiro 14 de xuño estará aberta a inscrición para participar no Campus Multideporte Verán-2023. Do 26 ao 30 de xuño todas as nenas e os nenos de 6 a 12 anos poden optar a unha das trinta prazas que oferta o Concello.

Neste campamento practicarán distintas disciplinas deportivas cada mañá en horario de 10 a 14 horas. O sexto Campus Multideporte organízase na aula multiúsos municipal e nas instalacións deportivas do concello.

Baloncesto, fútbol sala, pádel, piscina, rutas, skate, tenis e un sinfín de xogos cos que comezar o verán. O Concello establece unha taxa de 10 euros para nenas e nenos empadroados e 20€ para non empadroados/as. O Concello publicará a listaxe de admitidos o vindeiro 16 de xuño e todas as persoas interesadas poden solicitar máis información nos servizos sociais municipais de 9 a 14 horas.Tamén se poden consultar as bases na páxina web do concello ou directamente premendo aquí campus multideporte

Charla sobre educación emocional e sexual
Os departamentos de Formación e Servizos Sociais do Concello de Covelo convidan ás familias a participar na charla informativa “Educación Emocional e Sexual na Familia” que terá lugar o vindeiro 13 de xuño de 17:30 a 19:00 horas.

No auditorio público municipal as profesionais do programa Quérote + porán enriba da mesa as claves e ferramentas para que as familias adquiran maiores coñecementos e afronten sen tabús as cuestións afectivas e sexuais.

Durante a charla aprenderemos a detectar e previr situacións e estados emocionais prexudiciais; adquiriremos ferramentas para xestionar e atallar na resolución de dúbidas e posibles conflitos para mellorar a relación e a convivencia das familias e a saúde mental das persoas.

O programa Quérote + da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia ten como obxectivos prestar un servizo de información e asesoramento á xuventude nas áreas máis vinculadas ao entendemento social e o crecemento persoal.

Servizos QUEROTE +
Páxina web con información dinámica e interactiva; atención profesional de consultas presenciais, telefónicas, on-line, por videochamada e por mensaxería instantánea (Whatsapp/Telegram) no 647 018 752; realización de obradoiros en centros de ensino, asociacións e institucións xuvenís; actividades divulgativas: stands, mesas informativas, participación en foros; publicacións propias: folletos, monográficos, guías ou realización do test de embarazo e da proba rápida do VIH entre outros moitos servizos http://xuventude.xunta.es/querote-mais