Campamento no Pereiro de Aguiar beneficiado con 120 mil euros

A Xunta de Galicia destina máis de 1,8 millóns a 54 concellos e tres mancomunidades a través do Plan Corresponsables

Ourense | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou, acompañado do alcalde, Luis Menor, aos participantes no programa Aula Concilia que desenvolve o Concello do Pereiro de Aguiar, unha das iniciativas levadas a cabo en 57 entidades ourensás para favorecer a conciliación, nas que a Consellería de Política Social e Igualdade cofinancia co Ministerio de Igualdade do Goberno de España, con máis de 1,8 millóns de euros a través do Plan Corresponsables no ámbito local.

No caso concreto deste concello, o delegado territorial explicou que recibiu unha achega conxunta de 120.000 co municipio de Paderne de Allariz, para apoiar o desenvolvemento dun amplo programa de actividades de conciliación e sensibilización, e á vez ofértanse aos rapaces e rapazas desta actividade unha variedade de recursos educativos, articulados ao redor dun programa fundamentalmente lúdico.

Nesta liña, concretou que na provincia de Ourense, ademais destas entidades locais foron beneficiarios os concellos da A Bola, A Merca, A Peroxa, A Veiga, A Arnoia, Allariz, Amoeiro, Avión, Bande, Baños de Molgas, Barbadás, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Cenlle, Coles, Cortegada, Cualedro, Laza, Leiro, Lobios, Maceda, Manzaneda, Maside, Melón, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Piñor, Porqueira, Ramirás, Ribadavia, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sandiás, Taboadela, Trasmiras, Verea, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, O Bolo, O Carballiño, O Castro de Caldelas, Os Blancos , e as mancomunidades de municipios da Comarca de Verín, intermunicipal voluntaria Conso-Frieiras e Terra de Celanova.

Durante a súa estadía, Manuel Pardo sinalou que a Xunta destinou 6,5 millóns de euros na convocatoria deste ano, co fin de financiar diferentes campamentos de verán e actividades para a infancia e a adolescencia durante os períodos non lectivos en máis de 200 concellos galegos.

O representante autonómico destacou que as iniciativas apoiadas pola Xunta no marco do Plan Corresponsables son unha mostra máis da aposta do Goberno galego pola conciliación e a corresponsabilidade, financiando alternativas para que as familias poidan ter aos seus fillos atendidos; pola igualdade, para que os coidados non recaian sempre nas nais; e pola colaboración cos concellos e coas entidades, que é a forma máis eficiente de chegar a todos os puntos de Galicia. “Con este tipo de iniciativas maniféstase o compromiso da Xunta para seguir impulsando este tipo de proxectos que son imprescindibles para seguir avanzando nunha Galicia máis igualitaria” sentenciou o delegado territorial.

Liñas de actuación a prol da conciliación
Para concluír, o delegado territorial remarcou as liñas de actuación do Goberno galego para axudar aos pais a afrontar o reto da conciliación. Entre estas referiuse á gratuidade do 100% das escolas infantís dos 0 aos 3 anos, que consolida a Galicia como líder en matriculación nesta etapa educativa en toda España; a rede de casas niño no rural, para que os fillos reciban atención de balde o máis preto da casa, ou o Bono Concilia Familia, que o ano pasado chegou a máis de 15.000 familias, ás que se lles dá a seguridade de contar con recursos necesarios para contratar servizos de coidado infantil en períodos non lectivos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.