Campamento de verán Arte nas mans en Allariz

Comercio e Consumo achega os oficios artesanais á xuventude

Ourense | O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse hoxe ata a segunda edición do campamento Arte nas mans que se está a desenvolver en Allariz, dirixido a persoas de entre 18 e 30 anos. A iniciativa forma parte do programa de actividades Modo Verán Activo da Dirección Xeral de Xuventude e conta co patrocinio da Fundación Artesanía de Galicia.

O obxectivo é promover un plan de lecer alternativo, educativo e saudable para as persoas mozas, a partir do coñecemento do patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia. No caso de Arte nas mans, ofréceselles ás 29 persoas participantes a posibilidade de iniciarse en diferentes técnicas e oficios artesanais a través de obradoiros de tecido manual, tinguido de téxtiles, de torno cerámico e de transferencia de imaxes en cerámica, de bordado sobre fotografía e de marroquinería a través de obradoiros impartidos por Variopinto, Carlos San Claudio, Peixesapop e Misoco, todos eles profesionais inscritos en Artesanía de Galicia.

Esta aprendizaxe de oficios artesanais complétase coa experiencia da convivencia e do desenvolvemento persoal das persoas participantes nunha contorna única rodeada de paisaxes naturais, o que permite amosarlle á xuventude os valores da artesanía e o seu vínculo co territorio. Na programación de actividades inclúense tamén rutas fotográficas na natureza ou xogos na contorna do río Arnoia.

Nova liña de apoios
A visita serviu para lembrar que a Xunta puxo en marcha este ano, por primeira vez, unha liña específica dotada con 1 M€ dentro da orde de Primeira Experiencia Profesional destinada a incentivar contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais. En concreto, subvencionaranse contratos a xornada completa durante un mínimo de 12 meses en obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, coa previsión de beneficiar unhas 50 persoas. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.