Camilo Nogueira, Medalla Castelao 2022

Xunto co chef Javier Oleiros e o xornalista Javier Sánchez de Dios

Santiago de Compostela/Nós Diario | O intelectual e político nacionalista Camilo Nogueira, o chef Javier Oleiros e o xornalista Javier Sánchez de Dios serán galardoados coa Medalla Castelao 2022 este 28 de xuño.

Ademais, súmanse o club de fútbol sala Pescados Rubén, nomeado mellor equipo do mundo e campión de Europa; así como a coral coruñesa O Eco, fundada por Pascual Veiga.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a traxectoria de todas as persoas e entidades premiadas.

Unha vida dedicada ao nacionalismo galego
Camilo Nogueira Román, nado en Lavadores o 22 de novembro de 1936 e fillo do escultor Camilo Nogueira Martínez, estudou na Escola Industrial de Vigo antes pasar polas escolas de Enxañeiros Indusriais de Bilbo e Madrid.

Tamén cursou a licenciatura de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que pasou posteriormente á fábrica de Citröen en Vigo, onde comezou a traballar en 1964. Oito anos despois, en 1972, participou de forma activa nas folgas obreiras da Galiza, polas que acabou en prisión.

A nivel político, Nogueira formou parte de Galiza Socialista, que se acabaría fusionando coa Unión do Povo Galego (UPG) en 1971. Tamén participou na fundación da Asemblea Nacional Popular Galega, impulsada pola UPG, e no Bloque Nacionalista Galego, do que foi eurodiputado entre 1999 e 2004.

Previamente foi deputado no Parlamento galego con Esquerda Galega (EG), formación que liderou e que acabaría fusionándose primeiro co Partido Socialista Galego (PSG) e posteriormente co BNG. En total, Nogueira ocupou escano na Cámara galega de 1981 a 1993, e posteriormente (xa no Bloque) entre 1997 e 1999, antes de marchar a Bruxelas.

Ademais do seu traballo político como deputado, Camilo Nogueira está considerado como un dos pais ideolóxicos do nacionalismo galego, e é autor de numerosas teses e ensaios sobre o tema.