Caballero sobre xuntanza con Feijóo: “Iremos con vontade construtiva”

Acudirá á xuntanza “sen demagoxia nin populismo”

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral das e dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, convocou hoxe unha xornada de traballo da Comisión Interparlamentaria do PSdeG na que reuniu aos responsables públicos do partido nos diferentes parlamentos.

O líder dos socialistas galegos instou ao “diálogo na procura da mellor cogobernanza” para a reconstrución de Galicia. “Traballaremos co goberno de España e co goberno da Xunta de Galicia para a reactivación que os galegos e galegas necesitan”, sentenciou.

Caballero asegurou que acudirá á xuntanza con Feijóo con “vontade construtiva” e “sen demagoxia nin populismo” para compartir “ideas e propostas” que permitan saír desta crise “pensando nas persoas que se atopan nunha situación máis vulnerable”.

Así, levará ao presidente da Xunta “a voz das mulleres, da mocidade, dos desempregados e dos traballadores autónomos e pemes”, xa que “a Xunta non pode vivir á marxe dos galegos e galegas”.

Neste senso, subliñou a falla de emprego como “o maior problema da xente nova”. “Se Feijóo quere agardar a que se abran as fronteiras para que a xente nova poida emigrar, que o diga; nós queremos darlles traballo e futuro en Galicia”, aseverou.

Centrados na defensa dos galegos ante a crise
O líder dos socialistas galegos instou á Comisión Interparlamentaria do PSdeG a “traballar na dirección de dar respostas que solucionen a vida aos galegos” e “axudar dende a política a sobrevivir nesta crise”, xa que o PSdeG “é o eslabón de conexión do goberno de España con Galicia”.

Así, “mentres outros na vida política pensan no seu futuro, temos que ter claro que a nosa única preocupación é o futuro dos galegos”, polo que traballamos “con firmeza para dar resposta aos seus problemas”, sentenciou.

Deste xeito, sinalou que “Galicia ten moitos problemas”, polo que “non podemos perder un minuto sen traballar polo futuro dos galegos”. O secretario xeral do PSdeG comprometeuse a que “toda a miña capacidade, todo o meu traballo vai estar volcado en sacar a Galicia adiante da maior crise, pensando nas persoas”.

Feijóo e a “falla de diálogo”
O máximo dirixente das e dos socialistas galegos criticou a “falla de diálogo” do presidente da Xunta ao longo dos primeiros meses desta lexislatura, xa que “nunha época de excepcionalidade marcada por unha crise sanitaria e económica”, o diálogo coa oposición, sectores produtivos, sindicatos, axentes sociais e administracións locais “resulta máis necesario ca nunca”.

“As maiorías absolutas son lexítimas, pero tamén completamente insuficientes para das resposta ás necesidades actuais”, sinalou Caballero, quen incidiu en que Galicia “é hoxe máis diversa ca nunca” e “está nun momento clave para definir o seu futuro”.

Prioridade para a reactivación
Caballero instou ao goberno da Xunta a acordar as prioridades para os fondos europeos e “definir a senda da reactivación” a través de catro eixos: modernización e emprego, loita contra a desigualdade, defensa dos servizos públicos e vertebración territorial.

“A recuperación de Galicia comeza por recuperar o emprego dos galegos”, sinalou o máximo dirixente das e dos socialistas galegos, quen incidiu en que “xa non basta con abordar o atraso de Galicia, temos que anticipar o futuro”.

“Quero falar con Feijóo de recuperación, de innovación, de emprego; o mesmo do que vou falar co goberno de España”, sentenciou.

Por último, criticou o “xogo de cifras” da Xunta cos proxectos europeos, pasando de 7 a 108 ou agora a 44. Por iso, instou a traballar “dende a colaboración e a concreción dos proxectos, deixando de lado o empeño absurdo de ocupar o foco”, xa que “o foco ten que poñerse nas necesidades dos galegos e galegas”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!