Caballero: “O BNG cometeu un erro histórico votando contra os PGE de Sánchez”

Cualificou aos PGE 2021 como os "máis sociais" da historia española

Santiago de Compostela/PSdG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o coordinador dos deputados socialistas galegos, Guillermo Meijón, fixeron un repaso das últimas cuestións que marcaron a axenda política das últimas semanas. A máis importante foi a aprobación dos orzamentos xerais do Estado (PGE), que saíu adiante con apoios como os de EH Bildu ou ERC. O que lamentou Caballero foi o “erro histórico” do BNG ao votar contra os orzamentos do goberno Sánchez.

Caballero e Meijón compareceron na sede do PSdeG en Santiago o pasado sábado 5 de decembro. Os dous políticos analizaron o proceso de aprobación dos orzamentos do Estado (PGE) para o ano 2021. Caballero denominounos “os máis sociais” da historia de España e que a súa saída adiante é un paso de grande importancia para todos.

“Os PGE 2021 son os máis sociais da historia de España”

Durante a comparecencia, Caballero recriminoulle ao BNG ter votado en contra dos PGE. O voto negativo dos nacionalistas galegos supón para o secretario xeral do PSdeG “poñerse xunto ao Trío de Colón”, en referencia á manifestación de PP, Ciudadanos e Vox contra o goberno de Sánchez en 2019. A postura do Bloque sobre os orzamentos tradúcese en “votar contra a suba das pensións, do aumento de gasto social, da rebaixa das peaxes na AP-9, finalizar o AVE a Galicia e sacar adiante o país nun momento tan complexo”, explicou Caballero.

As recriminacións do líder socialista contra o BNG non finalizaron aí. Caballero sinalou que o nacionalismo galego errou por “opoñerse a uns orzamentos cun investimento por galego máis alto que a media do Estado”. Para apoiar a súa tese usou unha gráfica con diferentes cantidades que reflectían o investimento do PGE por persoa en diferentes autonomías. En Galicia a cantidade por cidadán é de 308 euros fronte aos 258 euros de media do Estado. Tamén comparou a cifra media galega coas doutras comunidades como Andalucía, con 255 euros por persoa, Comunidade Valenciana con 233 euros ou Madrid con 188 euros.

“En Galicia, a cantidade  de investimento do PGE por cidadán é de 308 euros fronte aos 258 euros de media do Estado”

O diñeiro que o Estado destina a Galicia incorpora “unha aposta e un compromiso coa cohesión territorial”, destacou Caballero suliñando ademais a prioridade dos mesmos sobre as “persoas”. A importancia deste último punto radica en que vivimos “nunha comunidade con máis pensionistas e dependentes que a media” estatal. Por iso insistiu sobre o incremento orzamentario cara á nosa comunidade e que o goberno de Pedro Sánchez será o da rebaixa “histórica” na AP-9 e o que finalice as obras do AVE.

O “Non a todo” do BNG
O coordinador dos socialistas galegos no Congreso, Guillermo Ameijón, describiu a postura do BNG como un “non a todo”. Esta postura inclúe as distintas negativas dos nacionalistas galegas á falta de apoio aos PGE, á comisión de reconstrución, ao Pacto de Toledo ou á Lei de Educación. Ameijón destacou o traballo do “resto de forzas progresistas” para “sacar o traballo adiante”.

O deputado socialista cualificou de “falacia argumental” os puntos sinalados polo BNG para non dar o seu voto positivo. “Descontando os 475 millóns de euros para o investimento no AVE en 2018, estes orzamentos suben un 62% os fondos para Galicia”, apuntou Ameijón.

As queixas de Ameijón contra o Bloque non pararon aí, pois cualificou de “actitude obstrucionista” a postura do BNG “na peor crise” que atravesou o noso país nun século. “Foi a única forza progresista que cometeu a frivolidade de presentar unha emenda á totalidade do orzamento”, criticou Meijón. Xunto a isto, tamén deixou claro que non ter contas públicas dificultaría o acceso aos fondos europeos.

Medidas Anti-COVID
Gonzalo Caballero acabou apoiando as medidas da Xunta seguindo “as nosas instrucións” para blindar a comunidade. Desde o PSdeG consideraban unha “inconsistencia que se puidera vir de Madrid a Baiona pero non ir de Baioa a Vigo” por exemplo.

Caballero aproveitou a súa comparecencia para pedir o fortalecemento da atención primaria no SERGAS. Tamén quixo deixar clara a necesidade de máis rastrexadores e ao mesmo tempo, que se envíen axudas aos sectores máis afectados economicamente como a hostalaría, da que dixo non ter ingresado “nin un só euro polas axudas directas da Xunta”.

O secretario xeral do PSdeG lanzou un aviso ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamándolle “transparencia” nos datos da pandemia, ademais de “responsabilidade” coas súas declaracións cando cuestiona as decisións do Consello Interterritorial de Sanidade, onde Galicia tamén está presente.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!