BNG se solidariza cos afectados polo desmantelamento da Casa de Galicia de Uruguai

Ana Miranda mantivo en Montevideo diversos encontros cos afectados

Montevideo/BNG | A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, visitou as instalacións da Casa de Galicia de Uruguai, onde mantivo diversos encontros cos colectivos de afectados polo desmantelamento do patrimonio sociosanitario de Montevideo.

“Hai miles de persoas afectadas, tanto usuarios como persoal, ás que desde o Bloque queremos amosarlles a nosa solidariedade e denunciar a falta de transparencia coa que se está levando o proceso de fragmentación da institución cun claro desinterese por parte de Feijóo ao respecto pese a ser un patrimonio levantado por emigrantes galegos hai máis dun século”, denuncia Miranda.

“Na concentración diante do hospital da Casa de Galicia puiden comprobar a indignación das persoas afectadas, -galegos e galegas e descendentes-, que participaron na protesta moi emocionados, como levan facendo desde hai semanas contra o desmantelamento destas instalacións”, explica Ana Miranda, quen considera “un atropelo e unha estafa” o proceso, xa que os socios non foron consultados na toma de decisións e simplemente recibiron un sms en decembro informándoos da intervención xudicial, pola que un xuíz ordenaba a disolución da entidade.

Críticas a Feijóo
Segundo destaca Miranda, “para dar solución á situación que atravesa a Casa de Galicia de Montevideo é fundamental que o goberno galego exerza o papel de mediador para salvagardar o patrimonio desta histórica institución”.

Neste sentido, a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque recolleu as queixas contra Feijóo das persoas afectadas, quen criticaron a “total ausencia” do presidente da Xunta ao longo do conflito e que “só viaxa a Uruguai en período electoral”, ademais da súa total conivencia co presidente uruguaio no desmantelamento.

“Lamentamos que Feijóo non se preocupa por este tema”, foi unha das frases escoitadas na concentración celebrada en Montevideo polos centos de persoas asistentes, quen lembraban que a Casa de Galicia de Uruguai foi levantada en 1917 cos aforros e o esforzo dos emigrantes galegos, converténdose posteriormente nun lugar emblemático, xa que foi a sede do Consello de Galicia, é dicir, o goberno galego no exilio.

Ao longo de máis dun século de funcionamento esta institución converteuse nun dos centros hospitalarios máis importantes do país e cun gran patrimonio social e cultural, patrimonio polo que os socios e socias mostran gran preocupación, entre o que destaca a escultura de Francisco Asorey denominada “A Santiña”.

Ana Miranda subliña que a situación na que se atopa a Casa de Galicia de Montevideo presenta diversas vertentes: a sanitaria, -que implica a distribución de arredor de 45.000 usuarios e usuarias en varias aseguradoras-; a laboral, que afecta a un cadro de persoal integrado por máis de 3.000 traballadores e traballadoras-; e a social e cultural, en tanto que da institución forman parte, entre outras dependencias, a sede social nunha das principais arterias de Montevideo; o Instituto de Secundaria Manuel Curros Enríquez e a biblioteca Alfonso R. Castelao, así como un gran patrimonio pictórico e escultórico.

“Desde o BNG denunciamos a estafa que se está producindo sobre o patrimonio dos galegos en Uruguai e a ausencia do goberno galego no seguimento desta grave situación”, salienta.

Felicita ao novo goberno en Chile
A coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva do BNG, Ana Miranda, trasladou ao novo presidente de Chile, Gabriel Boric, os parabéns en representación do BNG pola súa asunción presidencial e o nomeamento dun goberno paritario e que xerou moitas expectativas no pobo chileno. “Chile é un exemplo de que é posible derrotar á dereita”, afirmou Miranda dende Santiago de Chile.

“Para a esquerda e para toda América Latina é moi importante o que aconteza en Chile a respecto da defensa dos dereitos das mulleres, da plurinacionalidade e o plurilingüismo, así como dunha axenda social transformadora que remate co neoliberalismo salvaxe mantido por Piñera”, salientou a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque, quen anima ao novo presidente a “non dar un paso atrás” nesa loita.

Precisamente as circunstancias da vitoria electoral foron tratadas no encontro que Ana Miranda mantivo con Camila Vallejo, exlíder estudantil e deputada do PC e actual ministra portavoz do goberno presidido por Gabriel Boric, que lle informou do proceso de acumulación de forzas políticas que sumaron esforzos despois do estalido social de 2019 e que deron lugar á vitoria.

A nacionalista tamén mantivo unha xuntanza coa expresidenta da Convención Constitucional, Elisa Loncon na que falaron da importancia que o novo goberno de Chile apoie á Convención que creará unha nova Constitución que remate co texto pinochetista.

Axenda intensa
Tras a participación en Valparaíso nos actos de asunción presidencial e do discurso oficial que o presidente electo ofreceu dende o Palacio da Moeda, a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG mantén unha intensa axenda de reunións. Así, en Valparaíso mantivo un encontro coa directiva do Centro Galego.

Ademais, reunirase co secretario de Internacional de Wallmapuwen- Partido Autonomista Mapuche, Hector Cumilaf, e participará no encontro Feminista Internacional coas parlamentarias, ministras e referentes feministas de “Apruebo Dignidad”.

Esta plataforma está integrada polos partidos Frente Amplio e Chile Digno), que terá lugar na Municipalidade de Santiago e no que tamén estará presente a súa nova alcaldesa, Iraci Hassler. política comunista da formación Chile Digno.