BNG Porriño: “O alcalde quere pagar con cartos públicos a súa propaganda electoral”

Vía pleno extraordinario coa aprobación de 4 millóns de euros

O Porriño/BNG | O BNG está disposto a facilitar a aprobación de proxectos concretos, que redunden na mellora da calidade de vida da cidadanía e que beneficien as maiorías sociais, pero non vai permitir que o alcalde teña un cheque en branco para pagar con cartos públicos os anuncios da súa campaña política particular.

O PP non ten maioría plenaria e o alcalde non ten vontade de dialogar cos grupos da corporación. As propostas son levadas a pleno sen negociar e aínda pretende culpar á oposición de obstaculizar a súa aprobación.

“Precisamos menos propaganda e unha alcaldía que defenda o interese xeral. Limitarse a xestionar o día a día, gastar en festas e sacarse fotos non chega, hai que afrontar con responsabilidade e planificar con rigor a área económica do Concello sen mentir”, afirmou o portavoz e candidato do Bloque, Pedro Pereira. Lorenzo afirmaba cando entrou de alcalde que o Concello estaba na ruína cando a situación económica é boa como demostran os 3 millóns de euros extraordinarios que o seu goberno gastou no ano 2022, por riba do orzamento ordinario, ou os 4 millóns que pretende agora aprobar a través de créditos extraordinarios e suplementos de crédito por non ter feito un novo orzamento.

El é o principal responsable de que o Concello, a pesar de ter un importante remanente de cartos, manteña débedas con empresas provedoras. Bloqueou no pleno e nos xulgados o pago destes servizos por puro interese persoal e partidista. Situación que vén de corrixir Facenda obrigándoo a afrontar parte da débeda por considerar as facturas correctas.

O Porriño precisa un novo orzamento para adecuarse á realidade social e económica do 2023, para prestar máis e mellores servizos, programar novas investimentos e buscar tamén incrementar os ingresos propios da institución local. Nin PSOE nin PP foron quen nos últimos anos de aprobar unhas contas públicas que permitan gobernar sen caer na constante improvisación.

“Un bo goberno ten que ter proxecto e ten que saber xestionar, de forma transparente e rigorosa, os recursos públicos que pagamos todos e todas. Nós defendemos un Concello que garanta bos servizos á veciñanza, eliminando o malgasto, a dilapidación de fondos públicos e as ineficiencias na xestión dos recursos”, concluíu Pedro Pereira.