BNG Ponteareas: “PP, ACIP e IP néganse a solicitar máis médicos”

Denuncian que no último pleno municipal impediron debater unha moción sobre o tema

Ponteareas/BNG | O BNG vén de amosar a súa preocupación ante a negativa de PP, ACIP e IP a debater unha moción para solicitar á Xunta que dote de máis médicos a Ponteareas, mantendo aberta a quenda de tarde, e a que reforce a Unidade de Saúde Mental para reducir as listas de agarda que alcanzan até un ano.

“Mentres consideraron urxente debater a aprobación definitiva da modificación da RPT para consolidar a recolocación do cuñado da alcaldesa, non lles pareceu urxente tratar un asunto tan importante como a falta de profesionais sanitarios en Ponteareas, que provoca que teñamos miles de veciñas e veciños sen unha atención sanitaria digna e que agora se suprima tamén a quenda de tarde”, denunciou o portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó.

O Bloque denuncia a “actitude antidemocrática de Nava Castro, que, coa complicidade de Juan Carlos González e Mingos Freitas, non quería nin que se sometese a votación nin que se motivase a urxencia da iniciativa, o que provocou que o secretario tivese que intervir para aclarar o procedemento que establece o regulamento. A continuación, tras explicar o portavoz nacionalista a urxencia da iniciativa, o tripartito (PP, ACIP e IP) decidiu impedir o debate, non considerando urxente a situación crítica na que se atopa o centro de saúde.”

“É moi preocupante que nun asunto no que toda a Corporación Municipal debía amosar unidade na defensa da veciñanza, o tripartito de Castro, do que forma parte a coordinadora do Centro de Saúde Raquel Plana, prefira gardar lealdade ao Partido Popular na Xunta. Pretenden ocultar así a súa nefasta política de desmantelamento da sanidade pública en vez de reclamarlle o que é de xustiza para as veciñas e veciños de Ponteareas”, lamenta o BNG.

A proposta, amparada por todos os grupos da oposición (BNG, PSOE e PC), denunciaba que o Centro de Saúde de Ponteareas volverá quedar sen quenda de tarde a partir do vindeiro 1 de maio, cancelando as citas a persoas que levaban semanas agardando ser atendidas pola súa médica de familia. Ademais, miles de ponteareáns e ponteareás continúan sen persoal médico asignado, e as que o teñen soportan esperas de até cinco semanas.

Así mesmo, a iniciativa sinalaba que nas últimas semanas estanse cancelando citas na Unidade de Saúde Mental, que perdeu unha das dúas psiquiatras e conta cun único psicólogo de referencia para as 50.000 persoas que dependen do PAC de Ponteareas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.