BNG Ponteareas: “o goberno local debe pagar as axudas a clubs deportivos”

Sinalou que non permitirá ao PP que deixe aos clubs sen axudas como fixo en 2022

Ponteareas | A través dun comunicado de prensa, o BNG Ponteareas saíu ao paso das declaracións realizadas nas últimas horas polo goberno local do Partido Popular sobre as axudas a clubs deportivos, que segundo a formación nacionalista, “pretenden ser unha cortina de fume que oculte o descoñecemento do novo concelleiro de deportes”.

O Bloque aclara que “as subvencións a entidades deportivas para os gastos do 2022 foron convocadas no mes de xaneiro deste ano, incrementándose con respecto á convocatoria anterior e valorando criterios e gastos dos clubs do propio 2022. No momento do cambio de goberno, ditas subvencións quedaron pendentes de resolución por criterios da Intervención Municipal á hora de considerar ou non válidas determinadas facturas presentadas por algúns clubs.

Unha vez que resolvan esa incidencia técnica, o goberno do PP ten que concluír ese expediente e ingresar as axudas que corresponden a cada club, xa que ese diñeiro está dispoñíbel no orzamento municipal para o pago das subvencións do 2022. A continuación, teñen que dotar o orzamento dunha nova partida económica e convocar as subvencións do 2023.”

“O PP deixa entrever que se perderon as axudas previstas para o ano 2022 para intentar ocultar a súa incapacidade e a súa intención de non sacar unha nova convocatoria para 2023. Pero é falso, as axudas foron convocadas e contan con fondos. As únicas subvencións que se perderon foron as dos anos 2012, 2013 e 2014, os últimos anos do goberno do PP, nos que decidiron deixar aos clubs locais sen ningún tipo de apoio”, lembra o BNG.

O BNG aclara que non permitirá ao PP “que volva ao pasado e deixe aos clubs sen as axudas que lle corresponden. O PP está en minoría, polo que se pretende utilizar aos clubs deportivos para ocultar a súa incapacidade na xestión do concello, atoparase coa oposición responsábel e rigorosa do BNG, que se centrará en garantir que se desenvolva todo o traballo que tiñamos en marcha para seguir mellorando o deporte ponteareán”, afirman.

O Bloque lembra ademais que dende o goberno creou uha nova liña de subvencións, destinada a apoiar os eventos deportivos que organizan os clubs na localidade durante o todo o ano natural. “As bases para a convocatoria das subvencións a eventos deportivos que se celebraron durante o ano 2022 quedaron asinadas, polo que pedimos celeridade ao goberno para a súa tramitación”, conclúen.