BNG Ponteareas esixe melloras de seguridade viaria na parroquia de Moreira

A deputada Cristina Fernández mantivo un encontro coa veciñanza

Ponteareas/BNG | O BNG rexistrou no Parlamento Galego unha iniciativa para dotar de seguridade viaria á estrada PO-403, que une Ponteareas con Salvaterra, en concreto ao tramo que atravesa a parroquia ponteareá de Moreira.

A deputada do BNG e concelleira na localidade, Cristina Fernández Davila, mantivo un encontro con membros da asociación veciñal da parroquia para comprobar in situ, unha vez máis, os problema diarios aos que se enfronta a veciñanza que transita por esta estrada de titularidade da Xunta, que carece de conexión peonil segura co centro da vila e concentra nun treito de 300 metros até oito enlaces de entrada ou saída coa autovía A-52.

“É preciso mellorar a iluminación, a accesibilidade e a sinalización ao longo de todo o tramo. Ademais, é fundamental completar os itinerarios peonís para conectar a parroquia de Moreira co centro da vila, a só dous quilómetros, dotando dunha beirarrúa ou senda segura dende o acceso ao barrio de Requeixo, que continúe baixo a ponte da autovía e que enlace coas beirarrúas que recentemente se construíron na parroquia de Angoares”, sinala Fernández Davila.

En canto a este itinerario peonil, a deputada incide en que se trata “dun treito de menos de 700 metros que repercutirá positivamente na mobilidade das persoas usuarias desta vía”. Por iso, o Bloque proporá no Parlamento Galego que o goberno da Xunta elabore un proxecto técnico que valore as distintas opcións a executar para dar solución ás necesidades de seguridade viaria. Ademais, o BNG sinala que dito proxecto debe contemplar a mellora da conexión desta estrada comarcal coas distintas vías municipais, para que as veciñas e veciños que acceden en vehículo ás súas vivendas poidan facelo con maior seguridade.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.