BNG pide explicacións polo gasto desmesurado en letreiros de ‘Somos Mos’

Criticou o gasto de 22.000 euros en catro carteis luminosos

Mos/BNG | No último pleno do Concello de Mos, o goberno do PP aprobou un novo recoñecemento extraxudicial de crédito para facer fronte a facturas atrasadas por un importe de máis 150.000 euros.

Neste montante incluíase o pago dos 22.000 euros que custaron os letreiros de ‘Somos Mos’ instalados en San Cosme, Os Valos, Santiaguiño e Peinador, a pesar de que este último xa desapareceu, ao parecer, por mor dun camión.

A esta cantidade habería que engadir os 6.000 euros que custaron as letras instaladas hai algún tempo na rotonda de Puxeiros, un gasto que o portavoz do BNG, Gustavo Barcia, cualificou como “prescindible” ao entender que “non responde ás necesidades da veciñanza”.

O concelleiro nacionalista denuncia, ademais, que a contratación dos letreiros luminosos non se axustou aos procedementos administrativos, xa que a Lei establece que os subministros de máis de 18.000 euros non poden considerarse, en ningún caso, contratos menores e deben tramitarse a través de licitación. Gustavo Barcia indica que “esta é unha tónica habitual do PP de Nidia Arévalo, a de realizar gastos desmesurados sen control nin xustificación”.

No debate plenario, a alcaldesa explicou que foi a propia veciñanza a que reclamou os carteis de ‘Somos Mos’ nos accesos ao termo municipal, unha explicación que Gustavo Barcia considera “ridícula”. Na súa opinión, “isto demostra o afastado que está o PP dos problemas reais da xente, xa que os veciños e as veciñas de Mos non necesitan un cartel que lles diga onde viven”.

Diñeiro malgastado
O concelleiro nacionalista lamenta “a nefasta xestión económica” do goberno municipal e considera que eses 22.000 euros “poderían destinarse a outras partidas que serían de moita máis utilidade para a veciñanza”.

Lembra que o BNG foi o único partido que presentou emendas aos orzamentos do Concello e que todas foron rexeitadas polo PP, pero considera que “algunhas desas propostas poderían financiarse perfectamente con ese diñeiro”.

Pon como exemplo a ampliación dos horarios do Centro de Información á Muller ou do Punto Limpo, o aumento das actividades con escolares ou o incremento das axudas ao tecido asociativo. Na súa opinión, “para un goberno obsesionado coas redes sociais, estas cousas parece que non dan para moitas fotos, por iso prefiren malgastar o diñeiro público en carteis luminosos”.