BNG: “o Tribunal de Contratación de Galiza anula a concesión do ciclo da auga en Ponteareas”

Os nacionalistas acusan ao goberno local de actuar ás présas e con ocultación de documentación. O Concello respondeu que a tramitación segue o seu curso

Ponteareas/BNG | O Tribunal de Contratación de Galiza anulou o acordo da concesión do ciclo integral da auga de Ponteareas e obriga o Concello a volver atrás na tramitación. A resolución chega tras varias reclamacións e despois de que unha das empresas participantes denunciase a ocultación de documentación do proceso.

Para o BNG, a decisión do Tribunal supón un novo revés á xestión do goberno do PP e ACIP e deixa en evidencia as consecuencias de tramitar un contrato desta envergadura con présas e sen a transparencia necesaria. “Estamos falando dun contrato que compromete a xestión da auga durante os próximos 25 anos e que o goberno pretende tramitar con présas, mediante plenos extraordinarios urxentes e sen responder ás preguntas da oposición. Agora o Tribunal obriga o Concello a volver atrás no procedemento”, sinalou o concelleiro do BNG, Miguel Bouzó.

O BNG considera que este é un novo capítulo da nefasta xestión da auga do goberno do PP e ACIP. “A veciñanza paga máis pola auga tras a súa suba de tarifas, a promesa do saneamento nos dous primeiros anos de goberno converteuse nunha estafa electoral e o modelo que pretende impulsar o goberno aposta por encher o rural de minidepuradoras. Agora súmase un cuarto elemento. Unha tramitación chapuceira e irregular do contrato que foi anulada polo Tribunal de Contratación, obrigando o Concello a volver atrás.”

Para o Bloque, a propaganda do goberno coa auga e co saneamento saíulles rana. “Primeiro suspendéronlles cautelarmente o procedemento e agora anulan o acordo. Non vale mirar para outro lado, nin esconderse detrás dunha suposta urxencia, nin seguir dicindo que todo estaba ben. O goberno ten que dar explicacións, asumir responsabilidades e garantir que un contrato desta importancia se tramite con transparencia e seguridade xurídica”, conclúe o BNG.

O Concello asegura que a tramitación segue o seu curso
A Alcaldesa Nava Castro e a concelleira Raquel Bautista informaron que o Concello continúa coa tramitación do contrato para a xestión do ciclo integral da auga tras adoptar as actuacións necesarias para dar cumprimento á resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACPG) sobre o recurso presentado pola empresa Hidrogestión contra a súa exclusión do procedemento.

Para dar cumprimento á resolución, o Pleno do Concello acordou en sesión extraordinaria celebrada este 21 de setembro a publicación íntegra do informe de valoración das ofertas, decisión que xa foi comunicada ao TACPG. Tras a celebración do Pleno extraordinario reuniuse a Mesa de Contratación para dar continuidade ao expediente e adoptar os acordos derivados da resolución do Tribunal. Castro salientou a importancia deste “proxecto estratéxico para o noso municipio, cun investimento previsto de 32,5M€”.

Esta resolución mantén a valoración técnica realizada das ofertas presentadas á licitación e desestima as alegacións formuladas por Hidrogestión respecto da avaliación da súa proposta técnica e das puntuacións que determinaron que non superase a fase correspondente do procedemento. Dende o Concello aseguran que a retroacción do procedemento non implica repetir a valoración técnica das ofertas nin modificar as puntuacións outorgadas, senón completar a tramitación relativa á publicidade do informe e continuar o expediente desde ese momento procedemental.

 

 

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.