BNG: “O PSOE non quixo un acordo de Goberno en Tui”

Acordou formar parte da oposición ao alcalde socialista Enrique Cabaleiro

Tui | Mediante un comunicado de prensa, o BNG de Tui quixo aclarar á opinión pública que “despois dun proceso de negociación co PSOE lamentablemente no se alcanzou un acordo para un goberno de coalición”. Aseguran os nacionalistas terse manifestado sempre “durante a campaña electoral, a mesma noite electoral e en entrevistas posteriores, a nosa disponibilidade para conformar un goberno progresista en Tui”.

Pola contra, afirma a formación nacionalista, que na mesma noite electoral e en entrevistas posteriores, incluso xa iniciadas as negociacións, “o candidato do PSOE mostrouse reacio a pactar e manifestaba a súa intención de gobernar en minoría” tardando ata nove días en contactar co BNG. Para o Bloque, esa postura deixaba clara “o pouco interés en formar un goberno con nós”.

“Pese a isto, puxemos todo o noso empeño en que ese acordo se producira –engade o BNG– e nese sentido, cando fomos convocados polo PSOE, aportamos unha comparativa dos programas electorais de ambos partidos, área por área, proxecto por proxecto, e empezamos a negociación en base a eles. Aportamos incluso deseños dos nosos proxectos e propostas”.

Durante a negociación, asegura o BNG terse disposto a ceder en moitos puntos “en que mantíñamos opinións diferentes”, aceptando as súas propostas pero “non houbo na outra parte verdadeira intención de pactar”.

Os nacionalistas non teñen dúbida en afirmar que o PSOE “non fixo absolutamente ningunha cesión en puntos nos que discordábamos, nen sequera nos dous únicos que para nós eran irrenunciables: a non construcción dun aparcamento soterrado na traseira da Área Panorámica e evitar o derrube da casa e o traslado do hórreo da finca Patazumba. Chegados a este punto , rompéronse as negociacións”.

O BNG constata que con elas o PSOE “pretendeu cumprir un paripé cara á sociedade tudense, pero non tiña intención real de negociar: xa tiña decidido gobernar en minoría, como declarou de forma reiterada o alcalde”. A asamblea do BNG de Tui, celebrada o día tres de xuño, foi informada con detalle do proceso de negociación e decidiuse que desde este momento o BNG confórmase formalmente como oposición e que exercerá ese papel de forma constructiva e firme.