BNG: “O PP deixa sen executar fondos europeos para Galicia”

Así o denunciou a eurodeputada Ana Miranda ante o Parlamento Europeo

Aldea Global | No debate celebrado na Eurocámara sobre “Política de cohesión 2014-2020: aplicación e resultados nos Estados membros”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou que o goberno galego do Partido Popular deixa fondos europeos sen executar e sen dar resposta a necesidades fundamentais para Galiza como a creación de emprego, a retención do talento e a perda de poboación.

“Como eurodeputada galega teño que dicir que na última década hai investimentos de cohesión en Galiza que non sempre tiveron bos resultados, sobre todo porque o goberno galego non atendeu os desafíos necesarios de crear emprego, de manter o talento, de infraestruturas no rural, de saneamento”, manifestou Ana Miranda, ao tempo que lembro que o informe di que “o impacto dos fondos non pode facerse só no nivel de fondos executados senón na natureza transformadora deses investimentos e no seu impacto na economía e no emprego”.

Neste sentido, a eurodeputada do Bloque sinalou que n Galiza o goberno do PP despois de sete anos para planificar, comprometer e executar -máis os tres anos de graza- “aínda ten fondos sen executar está por debaixo da media europea, e compromete os programas sen dar participación ao Parlamento galego”.

Precisamente para falar da fuga de cerebros Miranda mantivo un encontro coa Comisaria de Demografía, Dubravka Šuica, a quen lle trasladou que no 2023 tiveron que marchar de Galiza 7.623 universitarios para traballar fóra ao non atopar en Galiza oportunidades laborais que lles permitan desenvolver o seu proxecto vital con dignidade debido á forte situación precariedade no país. “Espero que no futuro en Galiza haxa un goberno que faga as cousas de outra maneira”, manifestou a eurodeputada nacionalista.

Máis políticas públicas
Por outro lado, a eurodeputada galega tamén interveu no pleno da Eurocámara a respecto da perda de poboación en Galiza e o seu envellecemento no marco do debate “Estilo de vida saudable e envellecemento activo na Unión”. Respecto á perda de poboación en Galiza sinalou que desde 2009, Galiza perdeu case 100.000 habitantes, xa que segundo datos do INE, en 2009 -precisamente cando o PP volveu gobernar a Xunta-, en Galiza vivían 2.796.089 persoas, mentres que en 2023 esa cifra baixou un 3,7%, até os 2.696.177 habitantes.

“Ao tempo que a poboación en Galiza diminúe, o envellecemento aumenta”, manifestou Miranda, quen sinalou ademais que se ben en 2003 o índice de envellecemento da poboación de Galiza se situaba no 168 (por cada 100 menores de 16 años había 168,2 persoas de más de 64 años segundo o INE), dúas décadas despois, en 2023, este índice se situaba en 218.

“Tendo estes datos en conta, desde as administracións públicas temos que apostar por políticas que teñan moi en conta o concepto de envellecemento activo que defende a Organización Mundial da Saúde”, salientou, lembrando que a OMS define esta fase como o proceso no que se optimizan as oportunidades de saúde, participación e seguridade para mellorar a calidade de vida das persoas a medida que envellecen.

Así, a eurodeputada galega considera que o envellecemento activo debe considerarse “un obxectivo primordial social e político, que persiga a mellora da autonomía e a saúde das persoas maiores mediante o apoio en diferentes áreas como a sanidade, a economía, a educación e a vivenda”. “Máis investimento público, máis residencias, que os avós e avoas non teñan que soportar a crise”, engadiu na súa intervención.

Seguridade ferroviaria
Tras coñecer o peche definitivo do procedemento de infracción contra o Estado español por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria, -publicado hoxe pola Comisión Europea-, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliña que “grazas á denuncia presentada polo BNG en 2017, e ao intenso traballo acompañando ás vítimas do Alvia en Bruxelas, a Comisión tivo coñecemento das deficiencias na análise das causas profundas do accidente de Angrois, e o Estado español presentou o plan de acción de seguridade ferroviaria demandado por Europa”.

“Agardamos que os cambios normativos que nós propiciamos coa denuncia que presentamos sirvan para evitar no futuro un accidente como o do Alvia de 2014”, sinala a eurodeputada galega, lembrando que esta traxedia tivo como consecuencia 81 persoas falecidas e 144 feridas. “Estou orgullosa de ter defendido ás vítimas do Alvia e contribuír a un cambio para que nunca máis se produza un accidente así”, subliña Miranda.

“Aínda así, non todo está rematado, porque a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) non fixo unha investigación independente para esclarecer o accidente ferroviario, tal e como pediron as vítimas.

Acceso ao expediente
Por outro lado, a eurodeputada do Bloque anuncia que vén de solicitar o acceso ao expediente do plan de acción presentado polo goberno español, que segundo lembra, dá reposta ao procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea en xaneiro de 1019 contra o Estado español por infracción do Dereito Comunitario por incumprimento das obrigas de seguridade ferroviaria sobre a avaliación específica do control de riscos.

Recorda ademais que o inicio deste procedemento foi propiciado pola denuncia presentada pola eurodeputada nacionalista contra o Estado Español (Goberno, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarrís, ADIF e Renfe Operadora) o 7 de xullo de 2017, xusto un ano despois de que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) entregara á Asociación de Vítimas do Alvia 04155 e ao BNG o informe que cuestionaba a independencia da investigación realizada pola CIAF e sinalaba que non abordaba os elementos clave do accidente.

No documento, o BNG denunciaba ao Estado por infracción da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, en canto a falta de avaliación de riscos da liña 082 pola que circulaba o tren Alvia, onde tivo lugar o dramático accidente o 24 de xullo de 2013.

Denunciábase ao Estado por non facer a avaliación de riscos, en relación co seu control integral e en relación cos cambios substanciais na seguridade ferroviaria que se fixeron no proxecto da Liña Ourense-Santiago, tren Alvia de Viaxeiros de Longa Distancia 150/151 de Renfe Operadora, composto de 13 vehículos e nas condicións de posta en marcha de sistemas de seguridade do “proxecto na Bifurcación A Grandeira” e no longo da liña en especial no sistema de seguridade.

Dilacións no plan de acción
No procedemento de infracción iniciado en 2019, a Comisión Europea instaba ao Estado a realizar cambios en materia de seguridade ferroviaria despois do informe da Axencia Ferroviaria que lle foi entregado ao BNG e ás vítimas do Alvia no 2016. Mais a eurodeputada do Bloque denunciou nestes anos as continuas dilacións e ocultismo por parte do Estado español no cumprimento dos requirimentos deste proceso de infracción, – a través da solicitude de varias prórrogas, unha polo cambio de goberno e outra pola pandemia.

Entre eses requirimentos destaca, ademais da investigación independente do accidente de Angrois, a posta en marcha das medidas de seguridade segundo a normativa comunitaria mediante unha lei ou un decreto. “Para o Bloque é unha prioridade loitar pola verdade e a xustiza en Angrois, pero tamén que un accidente de consecuencias tan dramáticas como o que aconteceu hai case once anos non volva acontecer”, subliña, ao tempo que considera inaceptable o retraso de cinco anos no cumprimento das obrigas marcadas pola Comisión Europea no procedemento de infracción.

Ao longo destes anos, Ana Miranda desenvolveu un intenso traballo de seguimento deste proceso, tanto respecto ao cumprimento do procedemento de infracción como na presentación de preguntas dirixidas á Comisión Europea sobre as manipulacións realizadas polo Ministerio de Fomento a través da Ministra Ana Pastor e do Ministerio de Exteriores a través de Garcia Margallo en 2016 a respecto da presión exercida no executivo comunitario para que non se soubera o contido do informe da Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea (ERA) sobre as causas do accidente de Angrois.

Igualmente, a eurodeputada nacionalista impulsou sete encontros entre representantes das vítimas do accidente coa Comisaria de Transportes e a Dirección Xeral de Mobilidade, e organizou en 2023 a conferencia “O accidente de Angrois, 10 anos despois”, na que se analizaron os avances en seguridade ferroviaria da man do Director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte, Kristian Schmidt, e o Director Executivo da Axencia Ferroviaria Europea (ERA), Josef Doppelbauer, entre outros.

Asemblea Alianza Libre Europea
Unha delegación do BNG, integrada pola eurodeputada Ana Miranda; o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela; a responsable da área Internacional de Galiza Nova, Pilar Vázquez; e o integrante do BNG Emigración, Xano Chao, participa na asemblea da Alianza Libre Europea (ALE), o partido político europeo do que forma parte o Bloque no Parlamento Europeo. Esta asemblea xeral é a última antes das eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño,

No transcurso da asemblea aprobouse a moción proposta polo BNG para que os pelets sexan considerados contaminantes de forma que avoga polo aumento da seguridade marítima en Europa. Precisamente a proposta do Bloque, os vertidos de pelets e as perdas de contedores foron incluídos na Directiva sobre a contaminación procedente de buques, -que modifica o texto actual 2005/35/CE-, que ten o obxectivo de reforzar a aplicación e aplicación do Convenio Internacional para a Prevención da Contaminación polos Buques (MARPOL 73/78) da Organización Marítima Internacional (OMI).
Europa dos Pobos

“Queremos unha Europa dos Pobos, da igualdade, da Paz e da xustiza social e non esta UE que nos leva á guerra”, destaca Ana Miranda, quen apunta que esta asemblea é a última que terá lugar antes das vindeiras eleccións europeas, que terán lugar o 9 de xuño. “Son unhas eleccións moi importantes para Galiza, pois en Bruxelas decídense unha boa parte dos intereses do noso País”, apunta a eurodeputada galega. Segundo subliña Miranda, o BNG “somos a forza política que combate o neofascismo, a que defende Galiza en Europa, a que traballa para que Galiza teña máis peso e a que loita por un mundo máis xusto, e por iso nas vindeiras eleccións europeas é vital para Galiza seguir tendo a voz firme do BNG no Parlamento Europeo”. Para a eurodeputada nacionalista, desde o Bloque “defendemos unha Europa máis xusta e igualitaria fronte a esta Unión Europea que condena aos nosos sectores produtivos á desaparición”.

A Alianza Libre Europea, creada en 1981 por 8 partidos, traballa para facer da idea dunha “Europa dos Pobos” unha realidade política e cultural a nivel europeo e internacional. Na actualidade reúne a 49 partidos nacionalistas, rexionalistas e autonomistas de toda a Unión Europea, que representan a nacións sen Estado, novos Estados emerxentes, e minorías europeas. Centra a súa actividade na promoción do dereito á libre determinación dos pobos, os dereitos humanos, civís e políticos, así como a diversidade cultural e lingüística.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.