BNG: “O PP debe aclarar se Baltar segue a ser candidato a presidir a Deputación de Ourense”

Quere que o Goberno galego se posicione sobre todos estes acontecementos

Ourense | As últimas informacións xurdidas en torno ao presidente da Deputación de Ourense nas que se pon de manifesto que en contra do afirmado por el mesmo en sesión plenaria, a multa imposta por conducir a 215 qm por hora na provincia de Zamora non foi froito dun “despiste puntual” xa que agora coñécese que ese mesmo día outro radar multou ao mesmo vehículo a máis de 170 qm hora desta volta á altura de Allariz.

O deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabarés compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado polo deputado provincial Bernardo Varela, pola concelleira no Concello de Ourense Rhut Reza e polo portavoz e candidato á Alcaldía Luís Seara.

Tabarés comezou a súa intervención lamentando o achádego do corpo sen vida do xogador do Atlético Arnoia David García “Mitogo” e trasladando á familia en nome do BNG as condolencias polo terrible desenlace. A continuación indicou que “as novas coñecidas nos últimos días acreditan unha vez máis o uso irregular por parte do presidente da Deputación dos recursos públicos”, e engade, “acreditan un comportamento pouco exemplar dun representante público”.

Para Iago Tabarés cecais o máis grave de todo son as “mentiras verquidas por Baltar tanto no Pleno da Institución como á propia cidadanía xa que agora corroboramos que a multa imposta en Zamora non foi froito dun despiste senón dunha conduta e un xeito de proceder habitual”. Por todo o exposto é polo que o deputado no Pazo do Hórreo avanzou que nos vindeiros días presentarán unha batería de preguntas para que o Goberno galego e o propio presidente Rueda “se posicione sobre este comportamento”.

Pola súa banda o portavoz municipal e candidato á Alcaldía Luís Seara, comezou a súa intervención preguntándose se diante desta situación “o PP mantén a Baltar como candidato á presidencia da Deputación sabendo que era coñecedor de todos os trejemanejes de Jácome?”. Segundo Seara “todo isto acaba corroborando o que o BNG ven denunciando desde que Jácome irrumpiu na política local, que Jácome e Baltar son o mesmo, que PP e DO son as dúas caras dunha mesma moeda”.

O candidato do BNG deixou claro que “as veciñas e veciños de Ourense deben saber que non ai ningunha dúbida de que se Jácome e o PP teñen que volver pactar, o farán, polo que facemos un chamamento a todas aquelas persoas que se sinten enganadas, estafadas e que están cabreadas para que o próximo domingo 28 acodan masivamente ás urnas para escoller entre a rexeneración política, o rigor e a decencia que representa o BNG ou seguir enlamados na corrupción e o caciquismo”.

Adxudicación do derrubo do matadoiro
Cuestionado polos xornalistas sobre os últimos audios coñecidos e relativos á adxudicación do derrubo do matadoiro municipal, o candidato Luís Seara lembrou que “xa hai algunhas semanas que desde o BNG denunciamos e advertimos que dito derrubo se lle concedía á empresa que ofertou a cantidade máis alta e que obtivo a peor cualificación dos técnicos, “algo certamente sorprendente pero que a tenor do que estamos a coñecer xa non resulta estrano”.

Seara advertiu que “neste momento todo no Concello de Ourense está baixo sospeita e ante esta situación no BNG temos claro que cando lideremos o próximo goberno local o primeiro que faremos será levantar alfombras e abrir fiestras así como auditar todos os procedementos administrativos en marcha para a partir de aí poder tomar decisións”.

Liquidación do orzamento de 2022
Neste punto, Luís Seara aclarou que a liquidación feita pública onte non está aínda en mans da oposición e que en todo caso “e polo que puidemos saber, nin tan sequera está aínda aprobada”, e engadiu, “en todo caso non entendo como un alcalde pode gabarse de ter un remanente de 130 millóns de euros cando iso o que revela é a súa incapacidade para Gobernar e executar”.

O PP pide a dimisión de Jácome
Preguntado tamén polas últimas manifestacións do candidato do PP Manuel Cabezas nas que pide a dimisión de Jácome, a paralización de todos os procesos administrativos en marcha e a celebración dun Pleno extraordinario, lembrou que “se Jácome é alcalde é porque o PP o situou aí e ao longo do mandato o BNG brindoulle varias ocasións para quitalo da Alcaldía e non o quixeron facer”.