BNG Mos lamenta a celebración dun acto multitudinario coa alcaldesa e Feijóo

A pesares das novas restricións pola pandemia

Mos/BNG |  Na última semana, Mos foi un dos poucos lugares de Galiza onde empeorou a situación epidemiolóxica. A incidencia da covid-19 sitúase por riba dos 250 casos por cada 100.000 habitantes e a Xunta anunciou un endurecemento das restricións para frear os contaxios.

Nun momento no que se apela á prudencia de toda a cidadanía, a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), co respaldo institucional do Concello, decidiu convocar un acto multitudinario para inaugurar unhas obras no polígono industrial da Veigadaña.

Baixo unha carpa montada para a ocasión, ducias de persoas concentráronse, sen gardar a distancia de seguridade, nun evento presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, e a alcaldesa Nidia Arévalo. A xuntanza contou cunha nutrida representación de cargos do Partido Popular, entre os que figuraban a deputada Feli Rodríguez e varios membros do goberno municipal. O portavoz do BNG no Concello, Gustavo Barcia, cualifica de “irresponsabilidade” a convocatoria dun acto destas características. “Mentres o xefe do goberno galego colocaba a primeira pedra ante cen persoas, o seu Conselleiro de Sanidade explicaba en rolda de prensa os malos datos da pandemia en Mos”, indica o concelleiro.

Adianta tamén que vai pedir explicacións, xa que unha celebración destas características debería contar co permiso do goberno municipal “e no momento actual non parece o máis sensato”.

Obsesión pola foto
Gustavo Barcia denuncia a “dobre vara de medir” da alcaldesa de Mos, “que fai estas cousas despois de chamarlle a atención ao BNG por celebrar unha reunión de carácter institucional con oito persoas nunha sala de cen metros cadrados”.

Para o concelleiro nacionalista, a celebración deste acto “é un novo exemplo da obsesión do goberno do PP polas fotos e a propaganda”. Lembra que hai uns meses se lle pediu a todas as asociación veciñais e culturais do concello que cancelaran os seus actos, por iso ve a inauguración das obras de AEMOS como “unha falta de respecto ao esforzo que está a realizar a veciñanza para frear a pandemia”.