BNG Mos esixe a participación veciñal nos plenos municipais

Presenta unha moción para "facilitar estas intervencións"

Mos/BNG | O BNG de Mos quere incentivar a participación directa da cidadanía na política municipal. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, considera que “é necesario modificar o actual regulamento do pleno” para facilitar as intervencións “non só das persoas que desexen intervir a título individual, senón tamén das distintas asociacións veciñais, culturais ou sectoriais rexistradas no concello”.

Barcia recoñece que “os concelleiros e as concelleiras xa representan á veciñanza que se expresou nas urnas”, pero cre que “a veciñanza debe contar tamén con mecanismos para expresar a súa vontade e as súas inquedanzas sen ter que agardar catro anos para poder facelo”. Indica, ademais, que “a actual lexislación, tanto estatal como autonómica, habilita á administración municipal para regular este tipo de cuestións e de feito, en moitos concellos é algo xa establecido que sen dúbida enriquece a vida política e democrática”.

O grupo municipal nacionalista solicitará este cambio no regulamento nunha moción que se debaterá no pleno ordinario do mes de xaneiro. O texto da proposta contempla que “as asociacións rexistradas no concello poidan presentar e defender directamente ante a corporación municipal iniciativas ou mocións” e tamén “que unha veciña ou veciño de Mos poida intervir no pleno para facer preguntas ou peticións”.

“Máis xusto e democrático”
No pleno do Concello de Mos xa se rexistraron, puntualmente, intervencións de persoas alleas á corporación municipal. Gustavo Barcia lembra que un representante da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) tivo a oportunidade de intervir, convidado polo PP, nun debate sobre o solo industrial de monte Faquiña, “pero a alcaldesa negoulle a palabra, nese mesmo pleno, a un representante da Comunidade de Montes de Tameiga”. En opinión do portavoz nacionalista, “non pode ser que o dereito dunha asociación a intervir no pleno dependa de se lle cae ben ou mal a Nidia Arévalo, tal como acontece agora”. Por este motivo, insiste en que é necesario modificar o regulamento municipal “para ter un pleno máis xusto e democrático”.