
Madrid | O Bloque Nacionalista Galego (BNG) leva as Cortes do Estado a reclamación ao Goberno Central e ao Ministerio de Transportes de información clara, actualizada e detallada sobre o estado das obras da Variante Exterior do AVE en Ourense, ante os reiterados atrasos e as incertezas existentes sobre a execución completa do proxecto.
As actuacións desta infraestrutura, consideradas estratéxicas para garantir unha conexión ferroviaria moderna e eficiente, iniciáronse no ano 2022 coa execución dos dous primeiros tramos, Taboadela-Túnel de Rante e Túnel de Rante-Seixalbo, correspondentes á denominada Fase 1. Porén, a evolución das obras evidencia xa importantes demoras, sendo evidente que os prazos previstos non se van cumprir e que os traballos se prolongarán ao longo de 2026.
Resulta especialmente preocupante para o BNG a situación do tramo final, entre Seixalbo e a estación de Ourense, que segundo diversas informacións podería non ser executado a curto prazo por decisión do Ministerio, ao considerar que non suporía unha redución significativa dos tempos de viaxe. De confirmarse esta decisión, o BNG advirte que se estaría consolidando unha entrada do AVE a Ourense nun trazado de vía única, sinuoso e en forma de funil, que xa está a provocar problemas operativos e incidencias recorrentes.
A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, denuncia que “non ten sentido renunciar a un tramo fundamental que permitiría eliminar o paso polo intercambiador de Taboadela e evitar as actuais limitacións de velocidade, mellorando tanto a seguranza como a eficiencia do servizo”. A execución deste último tramo permitiría adaptar a infraestrutura aos estándares propios da alta velocidade, frente á situación actual, na que existen ata catro limitacións de velocidade entre 80 e 105 km/h nun trazado de tráfico mixto.
“É inadmisíbel que o Ministerio non dea explicacións nin concrete prazos, nin tampouco clarifique se existe unha decisión firme sobre o futuro da Variante Exterior” subliña Da Silva, quen insiste en que “non se pode xustificar a paralización dunha infraestrutura clave unicamente en criterios de aforro de tempo, cando precisamente a falta da súa execución está a obrigar a reducir a velocidade dos trens e a empeorar o servizo”.
Ante esta situación, o BNG demanda un informe con total transparencia sobre o estado actual das obras dos tramos Taboadela-Túnel de Rante e Túnel de Rante-Seixalbo, así como os prazos reais de finalización. “Debe aclarar de maneira inmediata se existe unha decisión de non executar o tramo Seixalbo-Ourense e, de ser así, explique as razóns que a motivan” exixe a senadora do BNG.




