BNG e PP se acusan mutuamente sobre a xestión dos fondos EDUSI en Ponteareas

A escasas horas de vencer o prazo de execución desta subvención europea

Ponteareas | A xestión dos fondos europeos EDUSI está xerando unha confrontación dentro do Concello de Ponteareas poucas horas antes do remate do prazo de execución desta subvención europea previsto para o pasado 31 de decembro.

O BNG denuncia a “incompetencia de Nava Castro”
O BNG avanzou, a menos de 48 horas do remate do prazo de execución, que o goberno municipal “perderá miles e miles de euros de fondos europeos pola súa obsesión con desfacer o traballo que estaba encamiñado polo anterior goberno”.

O Bloque sinala que “os caprichos, as ocorrencias e a incompetencia de Nava Castro e o seu equipo sairanlle moi caras ás veciñas e veciños de Ponteareas. O BNG xa alertara no mes de xullo do risco de perder os fondos, xa que “en vez de avanzar nos proxectos nos que se traballara nos últimos anos, o Partido Popular, co apoio dos independentes, decidiu cambiar os proxectos en marcha na Nave de Aceiros, que ía ser un grande equipamento sociocultural, e no edificio da Praza Maior que ía converterse nun Centro Cívico.

Así mesmo, o BNG denuncia que “o goberno de Nava Castro, polas súas ocorrencias, nin sequera foi capaz de pór en marcha a tempo o programa de formación para a inserción profesional de colectivos en risco, sumándose esta acción á longa lista de irregularidades na xestión dos fondos e que serán posteriormente auditadas pola autoridade de xestión dos fondos europeos.”

O BNG lembra que as auditorías realizadas ás dúas solicitudes de pagamento feitas polo anterior goberno foron superadas con éxito sobresaínte. “Os cambios para satisfacer os caprichos e ocorrencias electorais” do novo goberno municipal “supuxeron o atraso na execución das accións que estaban en marcha para rematar con tempo suficiente antes da finalización do prazo de execución. Agora, que se confirma que perderán diñeiro das e dos ponteareáns, o PP e os seus aliados terán que explicar por que decidiron tirar para diante a pesar de teren advertencias de que perderían fondos europeos logrados polo anterior goberno”, conclúe o BNG.

O goberno responde: “salvamos in extremis a perda os fondos EDUSI”
Pola súa banda e de acordo a unha información enviada por Prensa do Concello, o goberno municipal “vén de acometer o pago da totalidade dos proxectos financiados cos fondos europeos EDUSI, salvando así o risco da súa perda”. Estimou que “cando hai escasamente 5 meses, coa chegada de Nava Castro á Alcaldía, aínda restaba case o 30% dos fondos por pagar debido a unha alarmante falta de planificación na súa xestión así como tamén a unha crítica situación económica que impedía facer fronte a estes pagos millonarios antes do 31 de decembro do 2023”.

A concelleira de Urbanismo e Fondos Europeos, Silvia Fernández indicou que a “herdanza que recibimos da EDUSI por parte do anterior goberno formado polo BNG e polo PSOE foi como unha mazá podrida. Xa sabíamos que a situación da execución deses fondos non era nada boa, e así o alertamos en diferentes momentos do anterior mandato. Sen embargo, o que non esperábamos era atopar 2 millóns de euros sen executar a apenas 5 meses de rematar a súa xustificación ante Europa”, incidiu a edil.

Explicou Fernández que “unha vez realizado este millonario pago en tempo e forma, o goberno municipal atópase neste momento traballando a contra reloxo para poder xustificar ante Europa a correcta execución de ditos fondos e poder así proceder ao seu ingreso. Xa que outra das herdanzas que nos atopamos sabendo que o Concello recibiu a concesión da axuda EDUSI hai mais de 6 anos, foi a ausencia total de ingresos nas arcas municipais por un retraso completamente inxustificado na entrega da documentación a Europa”. Esta situación motivou a urxencia de que a Alcaldesa, acompañada pola edil Silvia Fernández e o concelleiro de Facenda, Francisco Represas, mantivera unha reunión cos responsables de xestionar os fondos no Ministerio de Facenda. Na xuntanza, confirmouse o retraso na xustificación por parte do anterior goberno do BNG e do PSOE polo que se procedeu a buscar diferentes solucións entre ambas administracións.

Así, o actual goberno municipal “salvou en tempo récord, 5 meses, a execución e xustificación destes fondos europeos”, que superan os 6 millóns de euros. “Grazas a un intensísimo traballo realizado en mesos de medio ano, conseguíronse desbloquear proxectos clave como a rehabilitación da nave de Aceros del Tea coa súa adquisición e execución do proxecto de consolidación estrutural, a posta en funcionamento do Centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Espazo de Co-Working, a incorporación de diferentes sistemas tecnolóxicos, e o desbloqueo da construción da residencia de artistas coa que se encontraba o proxecto por falta de fondos”, segundo indicou Fernández.

Neste sentido, a concelleira apuntou que “a veciñanza de Ponteareas non se pode permitir pagar as consecuencias dunha calamitosa falta de xestión dos máis de 6 millóns de euros da EDUSI por parte do anterior goberno BNG-PSOE” e que, por este motivo, “non vamos a tolerar as acusacións por parte da oposición e as súas mensaxes alarmistas sobre a xestións destes fondos”.