BNG e Ponteareas en Común critican ao Goberno Local por eliminar a peonalización no centro urbán

Consideran "irresponsable" e "sen criterio" as recentes decisións urbanísticas da alcaldesa Nava Castro

Ponteareas/BNG/Ponteareas en Común | A través de sendos comunicados, o BNG Ponteareas e a agrupación Ponteareas en Común, conformada por Esquerda Unida e Unidas Podemos, amosaron as súas posicións críticas coas recentes decisións do goberno local de Nava Castro (PP) de eliminar a peonalización en distintas rúas do centro urbán ponteareán.

O BNG considerou que “unha das principais liñas de acción do goberno do BNG foi a recuperación do espazo público para as persoas e a nova mobilidade. Ponteareas estábase convertendo nun Concello exemplar nesta materia, coñecido e visitado por especialistas, técnicos ou representantes doutras institucións e convidado a foros noutros lugares e países que valoraban as nosas políticas como exemplares e modélicas.

Invertemos as prioridades e puxemos ás persoas no centro da acción para recuperar o espazo público dende todas as perspectivas. O noso obxectivo foi aumentar a calidade de vida transformando Ponteareas nun concello confortable, saudable e accesible para toda a poboación, na vangarda contra o cambio climático, dende o diálogo coa sociedade e con outras institucións. Esta recuperación tivo como prioridade garantir o dereito das persoas maiores, da infancia, da mocidade e das persoas con mobilidade reducida a gozar do espazo que é de todas e todos e socializar para gañar a súa autonomía.

A recuperación do espazo público contribúe a que cada vez teñamos unha vila máis dinámica e máis viva, con máis actividades culturais ou de lecer, porque o espazo público é o mellor espazo para gozar de eventos ao aire libre, que dinamizan o comercio e hostalaría local. Crear rúas e prazas confortables e atractivas potencia o comercio local, que funciona mellor cando por diante das portas pasan persoas en lugar de coches.

O modelo do BNG quedou claro coa nosa acción de goberno nos últimos anos: recuperar o espazo público para aumentar a calidade de vida en Ponteareas e convertela nun concello confortable, saudable e accesible para toda a poboación. Fixémolo en base a datos e estudos, co asesoramento técnico de profesionais da mobilidade e dende a planificación: pondo en marcha a estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudábel” e desenvolvendo instrumentos de planificación como o Estudo de Mobilidade, o Plan de Mobilidade Urbana e Sostible, o Plan de Accesibilidade, o Plan Xeral de Ordenación Municipal e a Ordenanza Reguladora da Mobilidade Amábel e da Utilización dos Espazos Públicos en Ponteareas. Grazas a esa planificación, logramos captar recursos e investimentos doutras administracións que avalaron a nosa acción.

Unha das accións que marcou un antes e un despois para Ponteareas foi a reforma da Praza Bugallal. Onde antes había unha rotonda con 4 carrís (2 de circulación e 2 de aparcamento) e unha pequena praza central, agora hai unha praza útil, gañada para o uso das persoas e o tránsito peonil, permitindo o acceso ao tráfico de necesidade e converténdose nun espazo idóneo para a celebración de eventos e actos públicos. Ademais, conseguimos recursos económicos cos que elaboramos proxectos de humanización das rúas colindantes, como Vidales Tomé ou Morales Hidalgo.

Nestes días, nesas rúas da contorna da Praza Bugallal, estamos vendo como o goberno do PP e Nava Castro están esforzándose para volver ao pasado a toda costa: eliminando actuacións de urbanismo táctico como bancos, xardineiras, eliminando itinerarios peonís, eliminando espazos de estancia para as persoas e actuando con celeridade para que os vehículos volvan invadir o espazo público do centro urbano.

Fronte a un modelo de vila dende a planificación e o traballo rigoroso, agora o PP de Nava Castro pretende actuar sen seguir ningún criterio nin modelo, simplemente coa intención de rachar co modelo do BNG e destruír o traballo realizado polo anterior goberno, volver ao pasado escuro para Ponteareas, ao caos, a recluír a infancia, maiores e persoas con mobilidade reducida e a privar ás persoas do espazo que lles corresponde.

Unha vila na que as persoas maiores non poden saír da casa porque as beirarrúas son estreitas, non hai bancos nos que descansar e todo está invadido polos coches non é unha vila xusta nin inclusiva. Unha vila na que os nenos e nenas non poden ter autonomía, andar tranquilamente en bicicleta ou en patíns e hai que recluílos en parques infantís non é unha vila xusta nin inclusiva. Unha vila na que unha persoa con mobilidade reducida, cadeira de rodas ou necesidades especiais non ten garantía da súa mobilidade e accesibilidade non é unha vila xusta nin igualitaria.

Dende o BNG non permitiremos que o PP leve Ponteareas ao pasado, non permitiremos que poñan en risco os avances logrados para o benestar da veciñanza nin os recursos e investimentos acadados para o desenvolvemento da vila. Como principal forza da oposición, centraremos os nosos esforzos en garantir que todos os proxectos que tiñamos en marcha se executen para seguir transformando Ponteareas.

Ponteareas en Común denuncia a “irresponsable postura” do PP
A formación da esquerda municipalista lamenta que o PP de Nava Castro estea determinado en retroceder cara un modelo arcaico que perxudica á grande maioría de veciños e veciñas.

Ponteareas en Común insta a Nava Castro a reconsiderar a súa postura e a estabrecer un proceso de escoita e de participación veciñal para evitar a imposición dun modelo máis inseguro e prexudicial para a sociedade.

A peonalización das cidades e vilas demostrou os seus beneficios. Resulta lamentable que o Partido Popular, co seu afán de regresar ao pasado, pretenda devolver o caos de tráfico no centro de Ponteareas, recuperando rúas para o tráfico rodado donde aumentarán os ruídos, as conxestións de vehículos e un aumento da contaminación.

O tráfico de vehículos no centro urbano conlevará o regreso dunha serie de inconvintes que resultan evidentes:

1. Contaminación ambiental: os vehículos son grandes xeradores de gases contaminantes que perxudican a calidade do aire que respiramos. A peonalización demostra ser unha medida eficaz para reducir a concentración destes contaminantes nas zonas residenciais e garantizar un entorno máis saudable para todas as persoas, con especial incidencia en persoas con maior vulnerabilidad como persoas maiores ou nenas e nenos.

2. Riscos para a seguridade: a presencia constante de vehículos nas rúas aumenta considerablemente os riscos de accidentes para as e os peóns. É alarmante que o Partido Popular esté disposto a por en perigo a integridade da veciñanza.

3. Deterioro do entorno urbano: o paso continuado de vehículos polo centro humanizado provocará un desgaste acelerado das nosas rúas e prazas. O PP de Nava Castro pretende con esta medida degradar o noso patrimonio.

4. Dificulta as relacións sociais no espazo público: a falta de seguridade, o aumento da contaminación, o deterioro do espazo urbano e a eliminación de superficie de uso público diminuirá considerablemente a calidade das rúas e prazas para ser o punto de encontro da cidadanía, reducindo o intercambio social, limitando o seu uso por parte de persoas vulnerables como nenas, nenos e persoas maiores, e perxudicando ó comercio local.

O PP ten como único proxecto derrubar os avances logrados, neste caso no ámbito da humanización. A falta de visión e a insistencia en manter un modelo obsoleto amosan unha clara desconexión coas necesidades de todas as persoas de Ponteareas. A eliminación de espazo público de disfrute universal para o uso do vehículo privado non residente é unha mostra do seu modelo de sociedade que consiste na privatización e a degradación do público.

Ponteareas en Común reafirma o seu compromiso co benestar da vila. Denuncia que o Partido Popular e as súas políticas retrógradas obstaculicen o desenvolvemento dunha vida digna en Ponteareas. PeC insta a Nava Castro a reconsiderar a súa postura e a estabrecer un proceso de escoita da veciñanza. Ponteareas en común aposta por unha vila máis habitable, segura e sostible.