BNG critica os “novos retrocesos na mobilidade” en Ponteareas

Cos cambios na Avenida Rosalía de Castro e na Rúa dos Carballos

Ponteareas/BNG | O BNG amosou o seu rexeitamento aos novos cambios na mobilidade aplicados polo goberno tripartito de Ponteareas na Avenida Rosalía de Castro e na Rúa dos Carballos, ao consideralos “un retroceso que consiste na eliminación de itinerarios peonís e no estreitamento de beirarrúas para que todo volva estar invadido polos coches”

O Bloque relata que “na Avenida Rosalía de Castro, no pasado os coches aparcaban en batería, invadindo coa parte frontal a beirarrúa e deixando menos dun metro para os peóns, o que impedía o tránsito con cadeiras de rodas, carros de bebés, de compra ou de dúas persoas cruzándose cun paraugas. No caso da Rúa dos Carballos, as persoas non tiñan por onde camiñar ao saír da estación de autobuses, xa que os vehículos estacionaban pegados ao muro”.

“Co BNG no goberno local –lembran- reordenamos o estacionamento en ambas rúas e habilitamos unha zona de paso co obxectivo de gañar espazo para os peóns. Agora, o goberno de Nava Castro e Juan Carlos González decide acrecentar o regreso ao pasado, volvendo a aquela caótica situación e privando ás persoas dos espazos seguros e accesibles que lles corresponden”.

A formación nacionalista considera que “unha vila onde as persoas non poden saír á rúa porque as beirarrúas son estreitas e está invadida polos coches non é unha vila xusta nin inclusiva.” Por este motivo, dende o Bloque apostan por unha “Ponteareas pensada para as persoas” e chaman á “responsabilidade e o rigor” ao goberno local para que “abandonen a súa actitude caprichosa de desfacer todo o que fixo o goberno do BNG e centren o seu traballo no beneficio para a veciñanza de Ponteareas”.