BNG critica a postura dos gobernos de Mos e do Porriño sobre as peaxes

Ao querer responsabilizar aos nacionalistas da suba dos mesmos

Mos/BNG | Os responsables locais do BNG en Mos e no Porriño, Óscar Rodríguez e Marcelo Rodríguez, quixeron contestar á comparecencia da Alcaldesa de Mos xunto co Alcalde do Porriño, o Presidente da Deputación de Pontevedra e outros cargos do PP.

Nesta, os dirixentes populares pretenderon responsabilizar o BNG da suba das peaxes. “Escoitándoos parece que o PP non tivese gobernado nunca en Madrid. As mentiras do PP sobre as peaxes son inadmisibles. Se seguimos pagando é porque o PP prorrogou a concesión a AUDASA ata o ano 2048” lembraron desde o BNG.

“Vendo o malestar de Nidia Arévalo ou Alejandro Lorenzo pola suba das peaxes, imaxinamos que pedirán a expulsión de Aznar, Rajoy ou Ana Pastor do seu partido, como responsables dos gobernos que prorrogaron a concesión da autoestrada e asinaron o convenio que lles permite unha subida superior ao IPC, unha hipoteca que aínda hoxe estamos a pagar”, ironizaron os responsables do Bloque.

O traballo do único deputado do BNG en Madrid, Néstor Rego, conseguiu rebaixas e bonificacións nas peaxes, algo que nunca antes, con ningún goberno nin de PP nin de PSOE, se dera. Na pasada lexislatura, grazas ao acordo asinado polo BNG co goberno do estado, conseguise que as viaxes de volta na AP-9 sexan gratuítas con telepeaxe. Na lexislatura que vén de comezar, o goberno do estado ten o compromiso de aplicar novos descontos de acordo co pacto de investidura subscrito co BNG.

“Se o PSOE cumpre a súa parte do trato, estes descontos chegarán cos próximos orzamentos. Se os galegos e galegas pagamos peaxes é por culpa do PP e se pagamos menos é grazas ao BNG. O PP está nervioso e pretende confundir a opinión pública. Quen con razón se queixe da suba que pense o distintas que poderían ser as cousas de contar cun BNG máis forte en Madrid. Desde o Bloque seguiremos a traballar por unha autoestrada galega e libre de peaxes”, sinalaron Pedro Pereira e Gustavo Barcia, portavoces municipais do Porriño e Mos.

O nerviosismo co que o PP afronta as eleccións galegas quedou reflectido tamén no oficio remitido ao BNG desde o goberno local de Mos, ordenando a retirada das pancartas nas que se reivindica a rebaixa das peaxes acordada co goberno do estado. As mesmas que están colocadas en espazos públicos de toda Galiza son inaceptables para o goberno de Nidia Arévalo. En opinión do portavoz municipal nacionalista, “esta é unha mostra máis do autoritarismo do PP, que utiliza as institucións para tratar de amordazar o BNG”.