BNG condena a expulsión de Ana Miranda no aeroporto de Tel Aviv

Cando se dirixía a Palestina en misión oficial da Eurocámara

Bruxelas/BNG | O BNG considera un escándalo que despois de que Israel autorizara oficialmente a entrada da eurodeputada Ana Miranda antes do inicio da misión como integrante da Delegación de Relacións con Palestina do Parlamento Europeo, no aeroporto de Tel Aviv denegaran a súa entrada, alegando novamente a causa da participación na Flotilla Internacional rumbo a Gaza de 2015.

A eurodeputada do BNG formaba parte da delegación oficial que chegaba onte a Palestina. Despois de ser parada no control da fronteira e tras máis de seis horas de agarda a ter noticias oficiais de Israel, foi avisada da expulsión con total falta de respecto e arrogancia. “Que finalmente non me deixen entrar é o prezo a pagar por defender os dereitos humanos e denunciar a ocupación e o apartheid que Israel practica co Pobo Palestino”, manifesta Miranda.

A deportación produciuse ás 6.15 da maná, no primeiro avión con destino a Madrid. Dende o momento de ser parada no aeroporto, comezou a presión diplomática da Delegación da UE en Xerusalén e do Gabinete da Presidenta do Parlamento Europeo, así como o contacto da Embaixada española, mais de novo, Israel abusa con total impunidade non respectando aos membros do Parlamento Europea nin unha delegación oficial da Eurocámara.

O BNG denuncia esta afrenta diplomática e Ana Miranda pide o amparo do Parlamento Europeo coa denuncia desta expulsión, a falla de cumprimento dunha autorización previa e reclama que se levante este veto a un membro do Parlamento Europeo que forma parte da Delegacións de Palestina e de Israel da Eurocámara. O BNG denunciará está vulneración diplomática e de falla de respecto da inmunidade parlamentar tanto no Parlamento Europeo, como no Congreso.