BNG Arbo denuncia incumprimento da normativa urbanística no polígono industrial

No proxecto da planta de transferencia de residuos sólidos urbanos

Arbo/BNG | O BNG de Arbo, a través do seu Responsable Local Diego Prieto, presentará alegacións ao proxecto e documento ambiental relativos á instalación da planta de transferencia de residuos sólidos urbanos no polígono empresarial de Arbo, situado na parroquia de Sela.

Segundo o BNG da localidade, o proxecto da planta, promovido por SOGAMA, incumpre a normativa urbanística por exceder a volumetría das edificacións existentes no entorno. Amais disto, a altura máxima permitida tamén sería maior ao permitido, polo que a obra non se adecúa ao Regulamento da Lei do Solo de Galiza nin ao Plan Parcial do Solo empresarial.

“Este tipo de proxecto contempla un edificio de tipo C a respecto da avaliación de riscos anti-incendios, polo que debera estar afastada 25 metros de calquera zona forestal”, declara o nacionalista, que tamén ve coma o patrimonio arqueolóxico se ve afectado igualmente por non estar suficientemente lonxe do xacemento da Lagoa.

“O do documento ambiental incompleto xa é un clásico para este tipo de proxectos, pero a falta de análise profunda desta implantación evidencia a pouca importancia que se lle da ao entorno, á veciñanza e ao patrimonio”, sentencia o Responsable Local.