BNG A Guarda: “o actual goberno do PP utiliza o modus operandi que tanto criticou”

Alertou que os problemas diarios "seguen sen solucionar”

A Guarda/BNG | A piques de cumprir os 100 primeiros días do goberno do PP de Carrero na Guarda, o BNG fai a súa valoración deste período.

O suposto altruísmo político do novo alcalde guardés anunciando que renunciaba a cobrar do Concello da Guarda tardou pouco en descubrirse que non era tal. Simplemente tiña negociado un salario moi superior da Deputación Provincial, incompatíbel co salario de alcalde.

Outro aspecto que non pasou inadvertido neste tempo é a súa dedicación ao Concello. Tendo en conta que o seu compromiso coa Deputación é do 79% e sendo sabedores tamén de que continúa coas súas actividades profesionais, resulta difícil cuantificar o tempo real que lle ocupará a Alcaldía. A frase que xa empeza a ser reiterativa no Concello da Guarda de que o Alcalde “non pode recibir que está indisposto”, se cadra explica a nosa dúbida.

O que si queda contrastado é que o Sr. Carrero é vítima do discurso populista que utilizou no período que permaneceu na oposición. Desde que chegou a alcaldía, fixo propio o modus operandi que tanto criticou, e este verán que está a piques de rematar, tivemos que soportar contedores de lixo ateigados, fochancas por avarías sen tapar, descontrol do tráfico, un servizo de ferri con Caminha sen funcionar, apagóns de luz, cortes de auga e iso si, fotos e máis fotos.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, manifestou “Todos estes feitos dannos pistas de por onde poden ir as cousas con este goberno.

O BNG actuará coa contundencia e a responsabilidade que se lle espera como principal grupo da oposición que somos, facendo propostas polo interese xeral da Guarda e fiscalizando a xestión desta nova edición dun goberno do PP e o seu socio Fariñas.”

O nacionalista tamén fixo fincapé en aspectos cruciais nos que o BNG xa viña traballando no pasado mandato e dixo: “A reforma integral da piscina municipal cos fondos xa concedidos para a súa execución, require que este goberno se poña mans a obra de inmediato dada a transcendencia que este servizo ten para a sociedade guardesa.

Outros aspectos que este goberno deberá abordar con seriedade son a reforma integral a Praza de Abastos que no seu día propuxo o BNG e contou cos votos favorábeis do PP ou a comunicación con Caminha”.