BNG A Guarda denuncia “dilapidación” do patrimonio municipal

Por parte do PP e do PSOE nas obras de disgregación da Finca de Fínola

A Guarda/BNG | O acordo plenario tomado polo goberno local do PSOE co apoio do PP para disgregar a Finca de Fínola do plan especial 5 (PERI nº5), que abarca o antigo campo de fútbol de Santa Trega, a Finca de Fínola e outras propiedades de menor entidade, impediría desenvolver esta área que é crucial para o futuro da Guarda, segundo manifestou o portavoz do BNG no concello da Guarda, Anxo Baz.

O portavoz nacionalista, asegurou que “A Guarda precisa terreo público para equipamentos, zonas verdes e aparcamentos, e desenvolvendo o PERI nº5, tal como permite a lei, faría que o Concello da Guarda conseguise eses terreos gratis, en lugar de desperdiciar a oportunidade”.

A superficie total desta área, en pleno centro da Guarda, é de case 18.000 m². Iniciar o seu desenvolvemento permitiríalle ao Concello dotarse como mínimo de máis de de 2.700 m² para zonas verdes e de esparexemento, e igual para zona de equipamentos, ademais de aparcamentos en superficie e vivenda de promoción pública. Anxo Baz anunciou que “o BNG chamará a veciñanza da Guarda a iniciar un proceso de alegacións individuais para paralizar o despropósito que pretenden levar adiante en Fínola tanto o PSOE como o PP.”

O nacionalista na súa intervención no Pleno acusou o goberno do PSOE e ao PP de “querer levar adiante unha nova chapuza urbanística que condicionaría a ordenación integral da área, ademais de persistiren en dilapidar o patrimonio público iniciado no pasado mandato coa compra de Fínola aos bancos, na que malgastaron máis de 300.000 euros“.