BNG A Guarda arremete contra o Alcalde pola “renuncia inxustificada” de subvencións

Sobre cinema en galego, retirada de simboloxía fascista e recuperación do lavadoiro de Carballidos

A Guarda/BNG | As mentiras continuadas e a renuncia inxustificada de subvencións por parte do alcalde da Guarda preocupan no grupo municipal do BNG.

Foi público e notorio como o Sr Carrero prometía rebaixas fiscais hai un ano para acabar facendo xustamente o contrario. Algo similar aconteceu coa súa promesa electoral de recuperación e mantemento dos lavadoiros e fontes públicas. Non só non levou adiante os traballos prometidos, senón que ademais renunciou a unha subvención para a recuperación do lavadoiro de Carballidos.

A súa actitude antigalega e partidista levouno tamén a rexeitar unha subvención para a divulgación e fomento da nosa lingua, privando neste caso a sociedade guardesa dunha ampla programación de cine en galego.

A renuncia a outra subvención, desta volta para a retirada de simboloxía fascista, supuxo non só perder unha oportunidade para cumprir coa lei, senón un desprezo a todas as persoas represaliadas por defender a liberdade fronte a sen razón da ditadura franquista.

E cando un pensa que xa non caben máis trapalladas no que vai de mes, constátase o que denunciou o BNG. Carrero minte afirmando que o estado das contas municipais impedían o pago a provedores ata 2024. Unha semana despois de facer esta afirmación aprobouse en pleno o pago de facturas por valor de máis de 63.000 €.

Carrero trata de agochar a súas limitacións como xestor público a golpe de propaganda e vetando a retransmisión dos plenos desde que chegou ao goberno, tratando de impedir deste xeito, que a sociedade guardesa poida coñecer directamente o que realmente acontece no Concello.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, considera que “estamos diante de flagrantes mentiras e perdas para A Guarda que mostran con claridade por onde vai realmente o goberno do PP de Carrero e de Fariñas”, para acabar concluíndo “ este goberno vai a deriva e leva A Guarda ao retroceso.

Intranquilízanos o seu xeito de actuar e preocúpanos entre outras moitas cousas o futuro da piscina municipal, da que teñen parada a día de hoxe a súa licitación. Tampouco sabemos nada do proxecto de reforma, a pesar de ter unha subvención concedida dos fondos Next Generation de máis de un millón e medio de €.”