Bande reunirá a 350 deportistas no “Desafío Iter Querquennae”

O domingo 29 de agosto na XIII Andaina e o VI Trail

Bande | A localidade ourensá de Bande celebrará o domingo, día 29, o “Desafío Iter Querquennae”, no que 350 deportistas participarán nas dúas probas que inclúe esta xornada: a XIII Andaina e o VI Trail, este último con categoría de proba oficial da Federación Galega de Atletismo.

A cita deportiva foi presentada no Pazo provincial coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; o asesor provincial de Deportes, Bernardino González; e o coordinador do evento, Xurxo Vázquez.

O “Desafío Iter Querquennae” consta de tres probas que terán saída e chegada na praza da Constitución. Na modalidade de trail haberá unha carreira longa, de 26,5 quilómetros, e unha curta de 16,5 qms., mentres que a andaina terá un percorrido de 16 qms nun circuíto de dificultade media.  As tres probas, cuxo prazo de inscrición remata o venres día 20, están abertas á participación de deportistas de todas as idades e inclúen premios especiais ao máis veterano ou veterana, así como aos atletas estranxeiros que se clasifiquen en primeiro lugar.

Ademais de avituallamento, a organización porá a disposición dos participantes masaxistas e bañeiras con xeo para recuperarse do esforzo realizado nas dúas carreiras e na andaina, que principiarán ás 9 da mañá.