Axentes turísticos visitaron Tui para coñecer o Camiño Portugués

Viaxe de familiarización organizado por Fairway
O grupo de xornalistas e turoperadores visitaron Tui dentro dunha viaxe de familiarización co Camiño Portugués organizado por Fairway, o IV forum do Camiño de Santiago.

Tui | O pasado 6 de novembro, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, mantivo un encontro na casa do concello de Tui cun grupo de xornalistas e turoperadores que visitaron a cidade dentro dunha viaxe de familiarización co Camiño Portugués organizado por Fairway, o IV forum do Camiño de Santiago que se desenvolve estes días en Santiago de Compostela.

“O principal obxectivo destas actividades é dar visibilidade aos Roteiros Xacobeos e os seus variados recursos turísticos, ademais de promocionar o IV Fórum do Camiño de Santiago”, explican desde a organización.

Entre os profesionais participantes atópanse publicacións e portais web especializados en viaxes e grandes rutas.

Un grupo que se completa coa asistencia de operadores turísticos procedentes de distintos puntos de España e tamén doutros países como Luxemburgo ou Reino Unido e mesmo de Australia.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que foi unha excelente oportunidade para que estes axentes turísticos coñeceran a nosa cidade, especialmente o seu conxunto histórico e a Catedral, e a especial significación de Tui como porta do Camiño Portugués, que neste ano ten recibido en torno a 30.000 peregrinos de múltiples nacionalidades.

Ao tempo o rexedor tudense agradece aos organizadores e patrocinadores de Fairway a organización desta viaxe de familiarización de axentes turísticos que contribúe á difusión e posicionamento do Camiño Portugués e de Tui coma a histórica porta de entrada das rutas xacobeas portuguesas en Galicia.