Axendas escolares con sensibilización de xénero no Covelo

No marco do proxecto “10 meses, 10 propósitos”

O Covelo | O Concello de Covelo fixo entrega das axendas escolares do curso 2026/2027 ao alumnado do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, dando continuidade ao Proxecto de Sensibilización e Prevención en Violencia de Xénero “10 meses, 10 propósitos”, desenvolveuse nos últimos cursos en colaboración coa comunidade educativa.

Esta iniciativa ten como obxectivo achegar a igualdade, o respecto, a convivencia e a prevención da violencia de xénero á vida cotiá das crianzas, utilizando unha ferramenta de uso diario como é a axenda escolar. A través dela, cada mes do curso propón un propósito, unha aprendizaxe ou unha reflexión que permita traballar estes valores tanto nas aulas como no ámbito familiar.

O proxecto parte da idea de que os materiais utilizados habitualmente polo alumnado poden converterse tamén en instrumentos de sensibilización, permitindo que as mensaxes de igualdade saian do centro educativo e cheguen ás familias, favorecendo a reflexión compartida sobre comportamentos, actitudes e valores relacionados coa convivencia.

Durante o curso 2025/2026, o alumnado de 6º de Educación Primaria participou de maneira activa no desenvolvemento do proxecto, traballando sobre os contidos e os propósitos incluídos na axenda e compartindo posteriormente estas aprendizaxes cos cursos inferiores. Deste xeito, o alumnado de 6º converteuse en axente de sensibilización dentro do propio centro, contribuíndo a transmitir mensaxes relacionadas coa igualdade, o respecto mutuo, a resolución pacífica dos conflitos e o rexeitamento de calquera forma de violencia ou discriminación.

As axendas escolares, destinadas a todo o alumnado do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, constitúen así un recurso educativo que acompaña os nenos e nenas ao longo de todo o curso escolar e que permite traballar a prevención da violencia de xénero desde idades temperás. Desde o Concello de Covelo considérase fundamental continuar impulsando este tipo de accións no ámbito educativo, xa que a prevención da violencia de xénero debe comezar na infancia, mediante a educación en igualdade e a creación de contornas seguras, inclusivas e respectuosas. Esta actuación está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, no marco das actuacións de sensibilización e prevención da violencia de xénero.

Con esta iniciativa, o Concello de Covelo reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade e coa prevención da violencia machista, apostando pola educación e pola implicación de toda a comunidade educativa como ferramentas fundamentais para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. Na foto: alumnado de 6º do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo, acompañado por Juan Pablo Castillo Amigo, alcalde do Concello de Covelo; Lourdes Enes Fernández, concelleira de Cultura; e Carla Cerqueira Oliveira, directora do CEIP.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.