Avanzan a bo ritmo as obras do Centro Social para Maiores de Arbo

O importe do contrato ascende a 327.577,25 € (IVE incluído)

Arbo | O Concello de Arbo xa ten en marcha a rehabilitación do edificio sito no lugar da Chan, que se converterá no novo local social para maiores e que avanza a moi bo ritmo tras as primeiras semanas de obras.

A reforma integral do edificio destinado a Centro Social, avanza na mellora das súas instalacións e baixo o obxectivo de converterse nun centro de referencia na comarca para o que o concello inviste 327.577,25 € .

Na sesión extraordinaria do Pleno da Corporación celebrada do día 8 de xullo de 2019, adxudicábase o contrato de compravenda do inmoble sito no lugar de Chan, co fin de situar no mesmo o futuro Centro Social para a Terceira Idade e Punto de Atención Infantil (P.A.I), complementando as actuais instalacións e servizos que posúe este Municipio e destinados a este colectivo cada vez máis numeroso en concellos do rural, como Arbo.

O Centro Social de Arbo, destinado aos maiores da zona, é unha aspiración prioritaria para o alcalde desde o anterior mandato. Situarase nun inmoble adquirido polo Concello polo importe de 175.000 euros, no lugar da Chan, que por estar situado na contorna do centro urbano “resulta o máis idóneo para a implantación do Centro Social para maiores, dotación que ten como misión principal a acollida, entretemento e coidado deste colectivo”, explicaba o alcalde Horacio Gil.

.
O proxecto ten un marco social como é o fomento da cooperación e interacción entre os maiores para evitar o seu illamento, e manter as persoas maiores ben atendidas nas súas necesidades básicas co equipamento necesario, formadas e informadas das súas posibilidades no melloramento da calidade de vida.

As instalacións darán resposta ás necesidades dos maiores, que tamén dispoñerán de espazos recreativos e de esparexemento, xa que, o proxecto “ten un marco social: fomentar a cooperación e interacción entre os maiores para evitar o seu illamento e mantelos ben atendidos no que respecta a as súas necesidades básicas ademais de proporcionais a mellor calidade de vida posible”, explica o alcalde.

Para o financiamento do investimento da obra que ascende a 327.577,25 €, o Concello de Arbo ten asinado un convenio co Consorcio Galego de Igualdade e de Benestar da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, donde o Consorcio comprométese a achegar ao Concello a cantidade de 270.000,00€.- , sendo asumido por conta do Concello, 57.577,25 €.

A nova infraestrutura contará con 569 metros cadrados distribuídos en dúas plantas, con salón social, cafetería, salas de rehabilitación e de audiovisuais así como espazos de lectura. E o inmoble que tamén acollerá a futura gardería.