Avances no proxecto de acceso á auga potable do Fondo Galego de Cooperación en Guinea-Bissau

Beneficiando a máis de 250 familias

Pontevedra | Máis de 250 familias da comunidade de Cassaca, en Guinea-Bissau, dispoñen de acceso á auga potable tras a construción dun pozo e dúas fontes a través dun proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co goberno rexional de Cacheu como parceiro en terreo.

A asociación de concellos e deputacións destinou 10.015 euros a esta actuación, que beneficiará aos 3.207 habitantes da illa de Pecixe, onde a poboación vive na extrema pobreza e practicamente illada, dada a falta de comunicacións co continente, polo que carece dos servizos máis básicos.

A infraestrutura, que conta cun depósito de 4.000 litros e unha motobomba alimentada por paneis solares, suporá unha mellora especialmente para as mulleres e nenas, que investían tempo e esforzo en ir buscar auga ao único reservorio natural que existía en Cassaca.

Ademais, gran parte dos problemas de saúde da comunidade están vinculados á insalubridade da auga e aos baixos niveis de hixiene derivados da súa escaseza. Do mesmo xeito, agora minguarán os conflitos con animais domésticos e salvaxes que beben tamén da lagoa, evitando o risco que supuña para as persoas e facilitando a sustentabilidade da fauna e flora da zona.

As obras complementáronse con análises para comprobar a calidade da auga e mais accións para sensibilizar sobre hábitos hixiénicos e sobre o correcto emprego deste recurso. Destaca a implicación da poboación local en todo o proceso, mesmo colaborando para suplir as dificultades no transporte de persoal e materiais, especialmente na época de chuvias.

De feito, o Comité de Desenvolvimento Local acompañou a execución das distintas actividades e facilitou toda a información necesaria ao equipo do proxecto, ao cal tamén deron seguimento os consellos consultivos da sociedade civil e as incipientes estruturas de goberno local.

Por último, elaborouse de maneira conxunta un plan de xestión do pozo e creouse un comité para levalo á práctica, de maneira que se garante a sustentabilidade da iniciativa.

A auga está recoñecida como dereito humano, de xeito que “toda persoa ten dereito a dispoñer de auga suficiente, salubre, aceptable, accesible e asequible para o uso persoal e doméstico”. Ademais, a Axenda 2030 recolle como ODS 6 “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para toda a poboación”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos