Aumentou o turismo en Ribadumia en setembro

Con máis de 500 visitantes, un 150% superior a setembro de 2020
O castro de Ribadumia é un dos atractivos turísticos desta localidade.

Ribadumia | O Concello de Ribadumia informa de que as visitas á oficina de Turismo municipal durante o mes de setembro aumentaron a un total de 568 visitantes, case un 150% máis que no ano anterior a pesares da situación que estamos a vivir coa actual crise sanitaria do COVID19.

Con respecto ao ano pasado, as visitas de turistas internacionais á oficina de turismo de Ribadumia aumentaron notablemente, concretamente un 26% fronte ó 15% do ano 2020. A maioría deste turismo correspondeuse coa figura do peregrino ou turista ligado ó Camiño da Variante Espiritual pero pesares deste aumento, segue primando a procedencia nacional cun 74%.

No referido ao turismo nacional, Galicia é a comunidade que encabeza as visitas ao noso municipio este mes de Setembro (con 110 visitantes), seguida de Andalucía, Castela e León e Madrid, entre outras.

En canto ao perfil dos visitantes, o número de pernoctas foi de 484 turistas, o que representa un 85% do total de visitantes. Esta cifra débese, en parte á afluencia dos peregrinos da variante espiritual.

Ó longo deste verán foron preto de 3.000 turistas os que pasaron polo noso Concello dos cales case un 85% son nacionais fronte ao 15% de internacionais (procedentes de Portugal, Alemaña, Italia ou EEUU maioritariamente). Destes visitantes, arredor dun 63% son turistas, dun 10% son excursionistas e dun 27% peregrinos ou visitantes espirituais.

Entre a información máis demandada atopamos os recursos naturais, a Variante Espiritual e tamén todo o relacionado co mundo do viño (enoturismo).

Estes datos reflexan o incremento con respecto ós anos anteriores, incluso con épocas anteriores ó inicio da crise sanitaria do COVID19.

Dende o concello seguirase apostando polo fomento e promoción do turismo do municipio e de todo o patrimonio cultural e gastronómico que existe en Ribadumia.