Aula de novas tecnoloxías en Oia

No espazo da antiga Biblioteca Municipal

Oia | O Concello de Oia vén de reformar e mellorar o local do baixo do Consistorio que funcionaba como biblioteca co obxectivo de convertelo nun novo espazo dedicado ás novas tecnoloxías.

Esta transformación permite contar con espazo máis amplo, accesible e versátil que o anterior e suporá para a veciñanza unha mellora no acceso e emprego das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).

A Aula de Novas Tecnoloxías de Oia conta cunha zona equipada con ordenadores a disposición da veciñanza, onde tamén se porá en marcha o programa de formación Aula Mentor. Ademais, dispón dunha sala de estudo separada da sala de informática. Estas novas dependencias están xa a disposición do público, que poderá empregalas de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas.

Accesibilidade e versatilidade
No tocante á accesibilidade, as obras realizadas permitiron dotar á aula de novas tecnoloxías dun aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida e construír un novo punto de entrada. Deste xeito, ademais do acceso habitual a través da rúa, agora existe un segundo desde o interior do Concello.

O novo equipamento municipal tamén mellorou en canto á versatilidade dos seus espazos, permitindo diferentes formas de ser aproveitado. Incluso admite distintos usos simultáneos e separados, segundo a disposición ou cambio do mobiliario que se realice en cada momento.

A Administración local financiou esta actuación integramente a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cun orzamento total de 52.047,09 euros que inclúen as obras, a redacción do proxecto e máis a dirección de obra.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos