As xuventudes socialistas de Pontevedra súmanse á campaña das municipais 2023

Buscan "ampliar a base" do PSdeG-PSOE vía redes sociais

Vigo/PSdeG-PSOE | O PSdeG-PSOE da provincia quere estreitar vínculos coa mocidade e impulsar ás Xuventudes Socialistas como enlace para que os sectores máis novos da poboación vexan na política a vía a panca para resolver problemas e xerar oportunidades.

A Dirección provincial do Partido Socialista, encabezada polo secretario xeral, David Regades, mantivo unha xuntanza de traballo con Xuventudes e na que tamén participaron as deputadas autonómicas Leticia Gallego e Paloma Castro.

Adrián Araújo, coordinador provincial de Xuventudes, e Enrique García, secretario xeral de Vigo, ofreceron o compromiso da rama xuvenil do PSdeG-PSOE de cara ás próximas Eleccións Municipais.

“Ofrecemos o noso esforzo para ampliar a base e reforzar ao partido, porque consideramos que podemos explicar as cousas que se están a facer dende os gobernos progresistas do Estado, da Deputación e de moitos concellos, utilizando novos formatos e apoiándonos nas últimas tendencias nas redes sociais”.

Neste senso, falouse da necesidade de focalizar a campaña das Municipais nos dous asuntos que interesan fundamentalmente á mocidade, que son o transporte e á vivenda, dous temas nos que o Goberno de España está traballando, mentres a Xunta está completamente ausente. Como exemplo, comentouse que o Goberno galego ten máis interese en bonificar ás empresas que ás persoas que usan o transporte público.

De feito, abordouse a visibilidade que deu ás Xuventudes Socialistas a recente campaña para impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular para a mellora do transporte urbano en Galicia.

Ademais, aplaudiuse o liderado e a iniciativa do PSdeG-PSOE no actual debate sobre a Lei de Xogo, un asunto que afecta especialmente á xente nova. O bono cultural e o “enorme contraste entre o bono estatal e a chapuza que fixo a Xunta” tamén mereceu comentarios.
David Regades destacou a “enerxía” e a “frescura” das ideas transmitidas e destacou a necesidade de “conectar” ao partido cos/as máis novos/as. “A mocidade non é o futuro; é o presente”.

“O mundo cambia a unha velocidade de vertixe e as persoas que nos dedicamos á política necesitamos xente nova ao noso redor que nos actualice e nos manteña os ollos abertos para ver as cousas que lle interesan e que preocupan aos que dentro de pouco están chamados a relevarnos” concluíu.