
Ourense | As socialistas de Ourense levarán ao Pleno ordinario do mes de agosto dúas mocións co obxectivo de seguir achegando solucións aos problemas que demandan os veciños e veciñas da cidade e impulsar novos proxectos estratéxicos. As iniciativas abordan, por unha banda, a necesidade de adoptar medidas complementarias durante a execución das obras da Variante Norte o impulso, por parte do Concello, dun proxecto para a parcela do antigo Centro de conservación de Parques Naturais, que conte co respaldo da veciñanza da contorna; e pola outra, a posta en marcha de “Ourense, Cidade da Literatura” que consolide o potencial cultural e literario da cidade e poña en valor as librarías dos barrios.
“A nosa forma de facer oposición pasa por escoitar á veciñanza, dialogar cos sectores implicados e trasladar ao Pleno propostas construtivas que melloren o presente e axuden a construír o futuro de Ourense”, sinalan desde o Grupo Socialista. A primeira das mocións nace das reunións mantidas pola candidata e voceira socialista, Natalia González, con veciños e veciñas de Quintela de Canedo, Eirasvedras, Tarascón e O Pino, co propósito de recoller as súas preocupacións e trasladalas ao Pleno municipal.
As socialistas destacan que a Variante Norte constitúe unha infraestrutura histórica chamada a transformar a mobilidade da cidade e mellorar a conexión coa contorna do Miño. Precisamente por esa importancia consideran imprescindible que a execución das obras se compatibilice coa vida diaria da veciñanza mediante medidas concretas que minimicen as molestias e reforcen a seguridade.
Entre as propostas figura a habilitación, sempre que sexa técnica e legalmente viable, dun itinerario peonil provisional que permita manter o acceso á zona termal durante as obras; a adopción inmediata de medidas de calmado do tráfico e reforzo da seguridade viaria na actual N-120 ao seu paso polos barrios afectados; e a apertura dun proceso de colaboración entre administracións e veciñanza para definir os futuros usos da parcela que ocupa o antigo Centro de Interpretación de Parques Naturais de Quintela de Canedo, aproveitando a restauración ambiental prevista para incorporar novos espazos verdes, unha bolsa de estacionamento e outras dotacións de interese público.
Cidade da Literatura
A segunda moción aposta por converter a literatura nun dos eixos das políticas culturais municipais. Para iso, as socialistas propoñemosn a elaboración dun Plan Municipal “Ourense, Cidade da Literatura”, que permita desenvolver unha estratexia estable de promoción da lectura, apoio ao sector do libro e difusión do extraordinario patrimonio literario da cidade.
A iniciativa contempla a elaboración do plan en colaboración con librarías, bibliotecas, centros educativos, editoriais e asociacións culturais; a creación dun programa permanente de encontros literarios nos barrios; o reforzo das campañas de apoio ás librarías independentes; programas específicos de fomento da lectura para a infancia e a mocidade; o estudo dun festival literario anual e a creación dun espazo municipal dedicado á literatura ourensá e aos seus autores e autoras.




